A VIII Concentración Moteira SinFrenos terá lugar na Pobra do Caramiñal nos días 21 e 22 de maio. Trátase dunha quedada que organiza o propio Motoclub SinFrenos coa colaboración de varias entidades, entre elas, o Concello. No acto de presentación estiveron a concelleira dos Deportes, Genoveva Hermo (Nós Pobra); a técnica municipal desta área, Ana Romero; e Sonia Villar, José Manuel López e Juana Parada, presidenta e socios do club respectivamente.
A apertura da cita será ás 16.00 horas do día 21 coa formalización de inscricións e exhibición de adestramentos da escola de pilotos Ikeric Racing. Posteriormente, ás 18.00 horas, iniciarase unha ruta con parada no bar Olivo Blanco para uns petiscos. De volta, na praza Alcalde Segundo Durán comezará a actuación de Paxaradas, ás 19.30 horas, ademais duns xogos moteiros a partir das 20.00 horas. Finalmente, a cea producirase no Centro Sociocomunitario, ás 22.00 horas, e a festa volverá á praza Alcalde Segundo Durán con Planet Disco Móvil a partir das 00.00 horas.
O 22 de maio realizarase o almorzo no Centro Sociocomunitario, ás 10.00 horas, para se botar novamente á estrada con dirección ao Restaurante Valverde, onde se ofrecerá un aperitivo, ás 12.00 horas; regresarase logo ao Centro Sociocomunitario para o xantar, ás 14.30 horas, así como para efectua-la entrega de trofeos e sorteo de agasallos.
As e os motoristas aínda están a tempo de se sumaren a esta cita mediante os teléfonos de contacto 636501322 e 616134404.