As salas Marilyn Monroe e Fernando Rey abrirán as súas portas, entre o xoves e o sábado, a unha nova semana de cinema en versión orixinal
O Fórum Metropolitano acolle esta semana, de xoves a sábado, a terceira quenda de proxeccións dos ciclos de cinema ‘Heroes anónimos’ e ‘Saíndo da Fábrica’, postos en marcha a comezos de mes e que rematarán a finais de maio.
Neste sentido, a sala Marilyn Monroe abrirá as súas portas á longametraxe xaponesa “Fukushima 50” (2016). Dirixida polo cineasta nipón Setsuro Wakamatsu, a peza achégase á historia dos traballadores da central nuclear Fukushima I, que arriscaron a súa vida para evitar a desintegración total da instalación despois do terremoto, e posterior tsunami que, no ano 2011, devastaron a zona.
A obra, recomendada para maiores de 12 anos, dura preto de dúas horas e será proxectada en versión orixinal subtitulada ao castelán. Disporanse tres xornadas de proxección: xoves 19 (20.00 horas); venres 20 (20.00 horas); e sábado 21 (17.30 e 20.00 horas). “Cerca de tu casa”, de Eduard Cortés, na sala Fernando Rey
Por outra banda, a sala Fernando Rey acollerá, tamén entre o xoves e o sábado, tres proxeccións da longametraxe “Cerca de tu casa” (2016), dirixida polo cineasta catalán Eduard Cortés e interpretada por Sílvia Pérez Cruz, Oriol Vila, Lluís Homar e Adriana Ozores, entre outros.
A peza, en formato musical, céntrase na historia de Sonia, unha muller de 30 anos que, tras perder o seu posto de traballo, afronta un desafuizamento ao non poder facer fronte ao pagamento da hipoteca. Sen teito e cunha filla de dez anos ao seu cargo, volve ao fogar familiar, pero a tensión irá en aumento cando o banco dá continuidade ao reclamo da débeda de Sonia, avalada no seu momento polos seus pais, aos que tamén ameazan cun embargamento.
A obra, apta para todos os públicos, dura hora e media e proxectarase en versión orixinal.
Disporanse tres xornadas de proxección: xoves 19 (20.00 horas); venres 20 (20.00 horas); e sábado 21 (17.30 e 20.00 horas).
As entradas, xa á venda
A compra de entradas para as sesións desta semana xa está dispoñible, a través da páxina web de Ataquilla.com. Habilitarase tamén o despacho de billetes do Fórum Metropolitano os días de proxección, desde media hora antes do inicio das mesmas. Ademais, os pases poden adquirirse no despacho de billetes do IMCE sito na Praza de Ourense en horario de luns a venres (salvo festivos) de 11.00 a 15.00 e de 16.30 a 19.30 horas.
O prezo das entradas será de 3 euros para o público xeral e de 2 euros para aquelas persoas que dispoñan de Carné Xove, sexan maiores de 65 anos ou estén desempregadas.
Ademais, as sesións do espectador programadas para os sábados ás 17.30 horas teñen un prezo único de 1,50 euros.