Friday 22 de November de 2024

A Coruña celebra o I Encontro de Alcaldesas


A cita será retransmitida por streaming e poderá visualizarse a través da web municipal

No acto participarán alcaldesas de toda España así como outras políticas de relevancia estatal, como a Ministra de Política Territorial, Isabel Rodríguez

A Coruña será mañá, 19 de maio, anfitrioa do I Encontro de Alcaldesas, un acto que ten como obxectivo reflexionar sobre o papel das mulleres no poder municipal. O encontro retransmitirase en “streaming” a través da web do Concello da Coruña.

O debate enfocarase sobre a presenza da muller en postos de responsabilidade, especialmente dende a perspectiva local. Como sinalou na rolda de prensa o pasado 11 de maio a alcaldesa, Inés Rey, “aínda queda moito camiño por percorrer, xa que as mulleres alcaldesas non chegamos ao 22% en España”.

Este encontro parte do compromiso do goberno de Inés Rey pola igualdade entre homes e mulleres, así como a visibilización da muller na vida pública. “Como primeira alcaldesa da democracia na cidade teño o deber de visibilizar o liderado feminino e seguir impulsando unha maior presenza de mulleres en todos os ámbitos da sociedade”, sinalou Inés Rey.

Mañá estarán presentes varias alcaldesas de capitais de provincia ou de cidades de máis de 100.000 habitantes. Entre as poñentes da xornada están alcaldesas de concellos como Xixón, Hospitalet, Cartaxena ou Sabadell así como as alcaldesas de Castellón, Alcorcón, Santa Coloma de Gramanet ou Barakaldo, entre outras.

Tamén participarán na xornada outras mulleres relevantes na toma de decisións a nivel nacional como Isabel Rodríguez, Ministra de Política Territorial e Voceira do Goberno, Ana Pastor, Vicepresidenta Segunda do Congreso ou Carmen Calvo, presidenta da Comisión de Igualdade do Congreso.

Axenda

A xornada comezará cun encontro das alcaldesas no Concello, onde se asinará a Declaración de María Pita por parte das alcaldesas de cidade alí presentes. No encontro estará presentes tamén outras alcaldesas de Galicia, en apoio á declaración asinada. A partir das 17.00 h terá lugar, en Palexco, o foro de debate no que participarán varias alcaldesas de cidade así como outras políticas de relevancia.

Celebraranse dúas mesas redondas sobre a igualdade nos concellos e o papel das mulleres na toma de decisións, un diálogo entre a ministra de Política Territorial e a alcaldesa da Coruña, e a clausura contará coa participación de Ana Pastor, Vicepresidenta do Congreso dos Deputados e coa Conselleira de Igualdade e Emprego, María Jesús Lorenzana.