O Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal estrea unha nova exposición con motivo do Día Internacional dos Museos, que se conmemora neste 18 de maio. A mostra consiste nunha exhibición dos carteis das Xornadas de Homenaxe a Valle-Inclán ó longo dos seus vinte e tres anos de traxectoria. As ilustracións permanecerán á disposición do público ata finais de mes e as visitas pódense efectuar de martes a venres, en horario de 10.00 a 15.00 horas, e sábados, de 10.00 a 14.00 e de 17.00 a 19.00 horas.
De feito, hoxe achegáronse ata a institución museística dous grupos de alumnado do CEP Salustiano Rey Eiras guiados pola técnica do Museo, Araceli Abad. Asistiron, ademais, a un itinerario guiado por distintos espazos da localidade vinculados á vida e obra de Valle-Inclán da man de Ángeles Tubío, unha das técnicas do Turismo.
A maiores, a Concellaría da Cultura lanza a primeira edición do concurso que busca o cartel para a promoción da próxima convocatoria das xornadas, segundo anunciou a edil Patricia Lojo (PSdeG-PSOE) xunto con Dolores Devesa, membro do persoal municipal adscrito ó Museo.
A técnica e o deseño é libre, inspirándose no escritor Ramón del Valle-Inclán. Empregarase como material cartolina ou papel semellante, do tamaño A3, cun pseudónimo pola parte traseira e o obrigado uso do slogan “XXIV XORNADAS DE HOMENAXE A VALLE-INCLÁN. Museo Valle-Inclán, A Pobra do Caramiñal – outubro 2022.” Ó certame poderán concorrer cantas persoas artistas e deseñadoras estean interesadas, maiores de 18 anos. Entregarase un máximo de dúas obras por autor/a e proporcionaranse tamén en formato dixitalizado.
Ademais da publicación da lámina, o premio suporá unha dotación económica de 700 euros.
O prazo de recepción de orixinais remata no 15 de agosto e deberanse presentar no Museo Valle-Inclán, no rexistro do Concello ou por correo certificado. O xurado estará composto por persoal relacionado co mundo da cultura e deseño.
No outono ampliarase a mostra coa incorporación dos traballos presentados.
As bases completas están ó dispor na páxina web www.apobra.gal.