O pasado luns día 16 de maio, sobre as 20:30 horas, o responsable da empresa de augas de Cambre Aguaservi contactou co responsable da empresa de augas de Oleiros Sergesco para comunicar que se producira unha rotura da rede xeral de abastecemento de auga de Oleiros na Costa da Tapia. Esta tubería, que procede da ponte do Burgo, aínda que está en Cambre é propiedade do Concello de Oleiros e subministra a auga a unha grande parte da parroquia de Nós e tamén ás vivendas da rúa Castelao de Cambre.
O Concello de Oleiros pretendía que se procedese á reparación o antes posible, para o que a empresa Sergesco contacta coa Policía Local de Cambre solicitándolle o desaloxo das prazas de aparcamento necesarias. Unha hora despois, un axente da Policía Local chama á empresa de augas de Oleiros para dicir que hai que pedir permiso de ocupación de vía pública e que terán que facelo o mércores –por hoxe-, dado que onte martes era festivo.
Ante esta situación, o responsable da empresa Sergesco contacta co Goberno municipal de Cambre para solicitarlle celeridade para poder realizar a reparación e dar servizo aos domicilios afectados de Nós e de Cambre. Despois da conversa, o concelleiro de Urbanismo e Obras de Cambre envía unha mensaxe por whatsapp ao responsable da empresa Sergesco no que di que ían sufrirse os efectos colaterais da actitude belixerante de Gelo cara Cambre, polo que non podería realizarse a obra de reparación como moi cedo ata o venres.
O Concello de Oleiros quere denunciar publicamente a grave irresponsabilidade e o menosprezo cara os cidadáns e os servizos públicos básicos, que causa un importante prexuízo non só os veciños e veciñas de Oleiros senón tamén aos de Cambre. Nestes momentos, os cidadáns afectados están a dispoñer de auga nos seus domicilios a través das reservas de auga dos depósitos municipais de Coroto, pero ante os próximos días de calor que se aveciñan non é posible garantir o subministro de continuar sen poder repararse a avaría.
Actitudes deste tipo son miserentas e indignas de persoas que ostentan cargos na administración pública.