Friday 22 de November de 2024

Inés Rey asina o convenio de colaboración entre o Concello e a Xunta para o mantemento do Centro Municipal de Acollida para as mulleres vítimas de violencia machista


O Goberno municipal comprométese a manter o centro en funcionamento e prestar o servizo integral de atención, apoio e acollida ás vítimas de violencia de xénero

No pasado ano 2021, o centro municipal acolleu a 26 unidades familiares, mulleres mais fillos e fillas, vítimas de violencia de xénero

A alcaldesa, Inés Rey, asinou esta mañá xunto a María Jesús Lorenzana Somoza, Conselleira de Emprego e Igualdade, o convenio de colaboración entre a institución autonómica e o Concello para o financiamento de gastos correntes derivados do funcionamento do servizo no centro municipal de acollida. O Goberno municipal comprométese a manter o centro en funcionamento do centro e prestar o servizo integral de atención, apoio e acollida ás vítimas de violencia de xénero. A alcaldesa, Inés Rey, sinalou que “no que vai de ano, 14 mulleres e un menor foron asasinados como consecuencia da violencia machista, deixando 6 menores en situación de orfandade” polo que “as institucións temos que poñer todos os medios posibles para atender adecuadamente ás mulleres e nenos que sofren esta violencia”.

O centro ten como finalidade proporcionar aloxamento, manutención e atención integral ás mulleres vítimas de violencia de xénero, e ás súas fillas e fillos, garantíndolle un espazo de protección e recuperación. No pasado ano 2021, o centro acolleu a 26 unidades familiares (mulleres mais fillos e fillas) vítimas de violencia machista. Este dispón dun total de 19 prazas para mulleres e menores, repartidas en 15 camas e 4 berces. Neste momento, na provincia da Coruña só existen dous centros de acollida que sexan de dependencia municipal.

Coa sinatura desta mañá, o Goberno de Inés Rey amosa o seu compromiso na loita contra as violencias machistas, tanto na defensa e protección das mulleres vítimas como dos seus fillos e fillas, que tamén sofren a violencia de xénero a través da chamada violencia vicaria.

Ademais, a rexedora sinalou que “hoxe precisamente está convocada a reunión da Comisión Provincial de Violencia de Xénero, á que asistirei persoalmente para avaliar a situación actual en materia organizativa e xudicial e facer fronte a este grave problema”.

A Secretaría Xeral de Igualdade achegará a través deste acordo 49.950 euros, para os gastos correntes derivados do funcionamento e mantemento do centro do exercicio 2022, así como outros posibles gastos de asistencia psicolóxica e/ou xurídica no tratamento e atención das mulleres acollidas no centro e dos seus fillos/as. Pola súa banda, o Concello da Coruña farase cargo do funcionamento do centro, prestando o servizo de atención, emerxencia, apoio, acollida e de recuperación ás mulleres vítimas de violencia de xénero, dándolles aloxamento de forma temporal e con carácter de urxencias ás mulleres e as súas
fillas e fillos menores.