Friday 22 de November de 2024

O BNG pide acabar coas pingueiras de auga que caen á beirarrúa na avenida de Ferrol


A avenida de Ferrol supón unha das arterias de entrada e saída ao centro de Ribeira. Alén do tráfico de vehículos que esta estrada soporta, hai moitas persoas que utilizan as beirarrúas para ir camiñando ao núcleo de Deán Pequeno ou ir ás oficinas de Servizos Sociais ou do Centro de Información á Muller.

Na actualidade existe un edificio sen rematar á man dereita -dirección subida- que se atopa co ladrillo ao aire, coas baixantes rotas e cos canos en moi mal estado. Nos días de choiva as baixantes rebordan auga polas roturas que teñen e prodúcense multitude de pingueiras que caen desde os canos polo seu mal estado de conservación.

O voceiro do BNG, Luís Pérez Barral, informou de que esta situación está a causarlles molestias na veciñanza os días de chuvia e asegura que “quen vaia camiñando pola beirarrúa ten moitas posibilidades de mollarse pero é practicamente imposíbel pasar se es unha persoa con mobilidade reducida ou vas cun carro de crianza ou de compra”.

Ante esta situación Pérez Barral insta ao goberno local a que actúe para rematar con este problema.