Saturday 16 de November de 2024

O Concello do Pino bloquea nas redes sociais ao voceiro do PSdeG local e a páxina do Grupo Municipal Socialista


O PSdeG local vén de denunciar a censura que practica o popular Manuel Taboada nas redes sociais institucionais do Concello do Pino, “redes sociais que pagamos todos os veciños/as, pero de limitado acceso a todo aquel veciño/a que discrepe coa xestión municipal”, indican.

Anuncian que de continuar o bloqueo solicitarán un Pleno extraordinario e acudirán á xustiza

O PSOE do Pino vén de presentar un escrito no rexistro do concello solicitando por escrito ao Alcalde e a Secretaria a argumentación xurídica que xustifica os bloqueos efectuados ao voceiro socialista, Óscar Vilar, e ao Grupo Municipal Socialista á páxina de Facebook oficial do Concello do Pino.

Denuncian que esta última acción pon de manifesto a censura que practica o Alcalde con todo aquel veciño ou veciña que discrepa coa súa xestión, “unha rede social institucional non pode estar a servizo de ningún partido político, nin pode impedir o acceso a ningún veciño ou veciña, teña este a ideoloxía que teña e por moito que se discrepe coa xestión municipal”, afirma o voceiro do PSOE local, Óscar Vilar.

Así mesmo indican que “a páxina de Facebook do Concello do Pino non é propiedade do Partido Popular do Pino, a xestión e a administración da mesma está externalizada na empresa Alicentis, S.L., cun custo totalmente desorbitado que ascende a máis 1.500€ mensuais, diñeiro que pagamos todos os veciños/as cos nosos impostos, e todo parece indicar que un dos seus cometidos é bloquear aos usuarios críticos coa xestión municipal”, critican desde o PSdeG local.

O PSdeG advirte no seu escrito que de continuar o bloqueo e censura acudirán á xustiza por estar a limitar claramente o dereito á información de carácter local, e que solicitarán un pleno extraordinario para debater sobre o asunto que cualifican como “grave e típico dun réxime autoritario”.