As persoas responsables de nenos con alerxias a alimentos, epilepsia, diabetes e outras patoloxías que poidan provocar crises agudas poden inscribilos no programa a través das escolas infantís e centros de educación primaria e secundaria
O programa Alerta Escolar, coordinado pola Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e resultado do acordo de colaboración entre as Consellerías de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Consellería de Sanidade, rexistrou 608 novas inscricións durante o pasado curso escolar.
O programa, que actualmente conta con 3.011 inscritos, implantouse en Galicia no ano 2007 co obxectivo de facilitar a atención inmediata e eficiente dos nenos que sofren patoloxías crónicas susceptibles de desencadear crises agudas potencialmente mortais. As patoloxías máis comúns incluídas no programa Alerta Escolar son as alerxias a algunha substancia (xeralmente alimentaria), diabetes e epilepsia.
Ao longo dos últimos anos rexistrouse un notable incremento do número de inscritos como o demostra que no último curso escolar, entre o 1 de setembro de 2014 e o 30 de xuño de 2015, o número de novas inscricións supuxo un incremento do 25 por cento. Dos novos inscritos, 267 nenos tiñan alerxias, 90 eran diabéticos, 101 foron diagnosticados como epilépticos e o resto, 150 nenos, sufrían outras patoloxías.
Por todo isto e ante a proximidade do inicio do curso escolar, a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 quere facer un chamamento a todas aquelas persoas que teñan a seu cargo nenos coas patoloxías descritas para que acudan ao centro escolar correspondente e rexistren os nenos no programa.
Como inscribirse no programa
Para formar parte do programa Alerta Escolar é necesario cubrir por escrito un formulario, achegar unha copia do informe médico no que se describa a patoloxía que sofre o neno e, nos casos que se considere necesario, a medicación habitual. O centro escolar -escolas infantís e centros de primaria e secundaria-, ponse en contacto cos profesionais sanitarios do 061 que inclúen o paciente na súa base de datos. Desta maneira, desde a Central de Coordinación do 061 de Galicia sempre se lles facilitará a atención sanitaria inmediata e eficiente considerando a súa patoloxía.
A coordinación entre o profesorado e o persoal sanitario é un dos eixos fundamentais deste programa. Os centros que o soliciten poden acceder a cursos de formación sanitaria que permitan ao persoal do centro educativo recoñecer aquelas situacións de emerxencia nas que é necesario poñerse en contacto coa Central de Coordinación do 061 de Galicia; ademais dos coñecementos necesarios para prestar unha primeira atención sanitaria cando un neno sofra unha situación de crise aguda, mentres espera a chegada dos recursos asistenciais do 061.
Os profesionais da Pediatría tamén inclúen aos nenos ou nenas neste programa ao detectar algunhas das patoloxías recollidas nel. Tanto os pediatras como os profesores dispoñen de folletos informativos con guías de actuación sinxelas e de rápida aplicación. Desta maneira, os profesores, no caso de atoparse cun neno ou nena que padeza unha crise dalgunha das patoloxías incluídas no programa, pode atendelo de maneira eficaz, mentres solicita asistencia sanitaria marcando o número de teléfono 061.