A Xunta de Goberno Local aprobou a apertura do procedemento de adxudicación do servizo de limpeza en edificios e instalacións dependentes do Concello de Santiago de Compostela, por un importe base de licitación de 4.864.061,76 euros, IVE engadido, e un periodo de tres anos. Dos acordos adoptados informou en rolda de prensa o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo.
O executivo local tamén aprobou o proxecto de catro obras, pertencentes ao POS + 2022 da Deputación da Coruña, que contan cun orzamento conxunto de 569.015,7 euros. Trátase da pavimentación do lugar de Coira, en Laraño, cun investimento de 124.278,19 euros; a pavimentación do lugar de Aradas, na Peregrina, cun orzamento de 143.236,4 euros; o proxecto da senda peonil Rúa das Estrelas, por 126.172,99 euros; e a pavimentación do núcleo interior do lugar de Pedrido, en Villestro, á que se destinan 175.328,18 euros.
A maiores, deuse luz verde á apertura do procedemento de adxudicación do expediente denominado “Subministración dun vehículo autobomba de primeira intervención para o servizo de extincion de incendios e salvamento do concello de Santiago de Compostela “e a apertura do procedemento de adxudicación, establecéndose un tipo de licitación de 460.042 euros.
O executivo local tamén adxudicou o “Servizo de organización da celebración da Festa dos Maiores 2022 e 2023” á empresa a Casa Taboada SC, por un impote de 83.028 euros.
Convenios de colaboración
O executivo municipal tamén aprobou o texto de cinco convenios de colaboración con outras tantas entidades sociais. Son: a Cociña Económica de Santiago, por 60.000 euros; a Asociación Fonte da Virxe de Familiares e Amigos dos Enfermos Mentais, por 3.500 euros; a Asociación de Dano Cerebral de Compostela “Sarela, por 3.000 euros; a Asociación Galega para a Axuda dos Enfermos con Demencia Tipo Alzheimer (AGADEA), por 3.000 euros; e a Asociación de Pais de Persoas con Transtorno do Espectro Autista (T.E.A.) da provincia da Coruña (ASPANAES), por unha contía de 3.000 euros.
Outros acordos
No capítulo de licenzas, destaca a concedida á Axencia de Turismo de Galicia para as obras de ampliación do Auditorio do Monte do Gozo, cun orzamento de execución material de 327.707,79 euros. Esta actuacion permitirá ampliar o aforo do auditorio de 24.000 a 50.000 persoas.
A Xunta de Goberno Local tamén acordou o levantamento da suspensión temporal da execución das obras de adecuación, selado e clausura do vertedoiro de Aríns en Santiago de Compostela. O reinicio das actuacións establécese para o próximo 23 de maio.
A maiores, o executivo municipal autorizou a redacción de dos proxectos de modificado. O primeiro, relativo á execución das obras de rehabilitación do palacete da finca do Espiño, unha actuación incluída na Estratexía de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado- EDUSI CON/7/2020. O sobrecusto estimado deste modificado é do 0%. As modificacións propostas afectan a elementos susceptibles de protección, como a lareira e as escaleiras; ao terreo e cimentacións; á reconstrución e protección dos muros; e á estrutura, propondo, o texto, a recuperación da tipoloxía de forxado orixinal, de madeira apoiado en muros. Na anterior proposta os forxados eran metálicos e apoábanse en pilares adosados aos muros.
A segunda proposta de modificado afecta ao proxecto das obras de “Reforma do límite leste do parque da alameda (muro da rúa pombal. fase I)”, cun sobrecusto estimado do 7,39 %. As modificacións están relacionadas coa aparición dunha galería, que quedará accesible para labores de control e mantemento, o que obriga a realizar un novo caixón de formigón armado a modo de túnel entre a boca da galería e a cara exterior do novo muro; e coa ampliación da zona de excavación na parte baixa da Alameda, na zona da rúa do Pombal mais preto de Cureciro do Gaio, por razóns de seguridade.