Thursday 21 de November de 2024

Alternativa de Sada denuncia o mal estado dos accesos ás praias e calas do municipio


Ao abandono secular da Praia das Delicias e Praia Urbana hai que sumarlle a absoluta deixadez da administración central no referente os accesos as praias e calas da zona norte do Concello.

Escaleiras empinadas, abruptas, varandas en mal estado e accesos sen mantemento, son algunhas das deficiencias que os cidadáns de Sada se atopan á hora de querer acceder os areais máis fermosos e mellor catalogados do municipio. Unha problemática practicamente endémica que non parece importar a Dirección Xeral de Costas do Estado cando é, precisamente, este organismo quen debería garantir o acceso ós areais a todos os cidadáns, incluídas as persoas con disfuncións físicas.

Para a formación de Alternativa dos Veciños as praias e calas da zona norte do termo municipal son as de maior beleza ambiental e deberían ser tratadas dun xeito especial debido a súa riqueza ecolóxica e paisaxística, mais isto non parece importarlle ás administracións competentes que teñen a Sada no total abandono.

Alternativa dos Veciños Sada continuará a demandar estas actuacións necesarias para o noso Concello e de grande interese para a nosa veciñanza.