Saturday 16 de November de 2024

O Teatro Rosalía estrea hoxe ‘Continente María’, un espectáculo teatral con selo galego que percorre a vida sobre as táboas de María Casares


Inés Rey: “A obra fala da capacidade de María Casares para ir un paso por diante á época na que viviu, loitando por ser unha muller independente ata conseguilo”

A peza dá continuidade aos actos postos en marcha polo Concello no contexto do Ano Internacional María Casares, que conmemora o centenario do nacemento da actriz coruñesa

A alcaldesa, Inés Rey, presentou hoxe no Pazo Municipal de María Pita ‘Continente María’, un espectáculo teatral que se estrea esta tarde (20.30 horas) no Teatro Rosalía de Castro e que percorre, en forma de diálogo inmersivo, o legado, ideas e traxectoria sobre os escenarios da actriz coruñesa María Casares, exiliada en Francia no ano 1936 tras o comezo da Guerra Civil.

“Hoxe poderemos asistir a un espectáculo no que teatro, poesía e música aglutínanse para achegarse á personalidade de María Casares, amosando o seu tesón e firmeza para levar unha vida plena a pesar das dificultades que a acompañaron ao longo da súa vida. Serve, ademais, para render homenaxe á súa figura, no centenario do seu nacemento, onde ela era realmente feliz: sobre as táboas”, sinalou a alcaldesa, Inés Rey.

‘Continente María’, unha coprodución de Ainé Producións e o Concello da Coruña, A Quinta do Cuadrante e o Centro Dramático Galego, parte dun intenso traballo documental sobre a vida e circunstancias de María Casares, “unha muller que se erixiu como un referente de liberdade e, desde a súa nenez na casa familiar da rúa Panaderas, foi medrando ata converterse nunha icona universal que xamais esqueceu as súas raíces na Coruña”, puxo en valor Inés Rey A obra, caracterizada por unha gran potencia visual e sonora, está escrita pola dramaturga uruguaia Marianella Morena e producida polo actor e humorista cullerdense Xosé Antonio Touriñán. O director ourensán Tito Asorey dirixe o elenco, composto por Melania Cruz e Vadim Yukhnevich, que recollen a retranca e o humor que se desprenden das entrevistas e escritos de María Casares ao longo da súa vida, homenaxeando o seu legado.

Inés Rey apuntou ao “gran traballo audiovisual e de arquivo” levado a cabo para executar ‘Continente María’ sobre os escenarios. “Recoller as vivencias de María Casares, desde o seu nacemento ao exilio en Francia nos anos dunha Europa convulsa, non é sinxelo. E esta obra, ademais, fala da capacidade de María Casares para ir un paso por diante á época na que viviu, loitando por ser unha muller independente ata conseguilo”, explicou a alcaldesa.

Durante o acto de presentación celebrado hoxe ao mediodía, a rexedora estivo acompañada por Xosé Paulo Rodríguez, director do Teatro Rosalía de Castro; Melania Cruz; Tito Asorey; Xosé Antonio Touriñán e Fran Núñez, director do Centro Dramático Galego.

A estrea de ‘Continente María’ no Teatro Rosalía de Castro está programada a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios.

A venda de entradas para a función
As entradas para asistir ao espectáculo, que terá lugar este luns 16 ás 20.30 horas, están á venda e dispoñibles a través da páxina web de Ataquilla.com e tamén no despacho de billetes central do Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE) da praza de Ourense (de 11.00 a 15.00, e de 16.30 a 19.30 horas), con prezos de 5 a 14 euros para o público xeral.

Os pases tamén se poderán adquirir hoxe, nos despachos de billetes do Teatro Rosalía de Castro (de 16.00 a 20.00 horas), sempre que haxa entradas dispoñibles.

A continuidade dos actos polo Ano Internacional María Casares
Desde o pasado mes de febreiro, co gallo do centenario do nacemento de María Casares, o Concello da Coruña impulsa unha ampla programación de actividades en recoñecemento á figura da actriz coruñesa.