Friday 22 de November de 2024

O Concello organiza unha lectura pública de textos de Florencio Delgado Gurriarán polo Día das Letras Galegas


Inés Rey dará inicio, ás 12.00 horas na praza de María Pita, ás lecturas, nas que participarán tamén os cidadáns que así o desexen

Este martes, con motivo da celebración do Día das Letras Galegas, o Concello da Coruña organiza unha lectura pública de textos de Florencio Delgado Gurriarán. No acto, que terá lugar na praza de María Pita, participará a alcaldesa Inés Rey, que fará a primeira lectura.

A homenaxe comezará ás 11.45 horas, coa actuación do grupo musical da asociación Xacarandaina ‘Os do fondo da barra’. Ás 12.00 horas comezará a lectura de diferentes textos do autor homenaxeado deste ano. A primeira quenda será para a alcaldesa e tamén participarán as persoas que así o desexen, e outros membros da Corporación municipal.

Tras o acto volverá a actuar Xacarandaina para pechar a homenaxe.

Este martes haberá outras actuacións na cidade. Ás 12.00 horas, na rúa Barcelona, actuará a asociación cultural Pandereteiras sen Fronteiras. Tamén ás 12.00, a asociación cultural Maghua actuará na praza de Jaspe Deza, en San Vicente de Elviña. Ás 12.30 horas, a agrupación folcrórica Aturuxo ofrecerá un espectáculo de rúa desde os xardíns de Méndez Núñez á praza de Vigo. Pola tarde, ás 18.00 horas, haberá actuacións de Os Gaiteiriños (A Gaiteira) e Eidos (de María Pita á praza de Lugo). Ás 18.30 horas será a quenda de Son d’aquí, que irán do Campo de Marte ao Campo da Leña. Ás 20.00 horas, pecharán a xornada Cántigas da Terra na praza de María Pita e Donaire entre a praza de Lugo e María Pita.

Actividades ata o 31 de maio
A programación do Concello da Coruña polo Día das Letras Galegas continuará ata o 31 de maio con numerosas propostas de actividades gratuítas. O xoves 19, o Teatro Colón abrirá as súas portas a un concerto especial da Banda Municipal de Música da Coruña (BMMC) con motivo do Día das Letras. Juan Lois Diéguez será o director convidado que leve a batuta na presentación de ‘Paseo con aires ártabros’.

A axenda continuará o sábado 21. O servizo municipal de Normalización Lingüística levará a cabo unha nova quenda dos percorridos ‘Paseos pola Coruña literaria’. Será ás 12.00 horas, con Susana S. Aríns á fronte de ‘Paseo imaxinario pola vida e obra de Luz Garza’. A actividade, recomendada para maiores de 16 anos, abrirá o prazo de inscrición este luns 17, con 55 prazas dispoñibles. Os interesados en inscribirse deberán remitir os seus datos persoais ao correo electrónico inscricionslingua@coruna.gal.

Tamén o día 21, ás 21.00 horas, terá lugar o peche da primeira edición do Festival Primaletras. O grupo de folk coruñés Luar na Lubre, gañador de dous discos de ouro na súa traxectoria, despedirá o certame cultural-literario interpretando os seus temas máis coñecidos. A asistencia será de balde, mais será precisa a recollida previa de convite nas bibliotecas municipais. A información completa pode consultarse aquí.

Xa o martes 24, tamén no centro sociocultural Ágora, os máis pequenos poderán gozar co espectáculo teatral infantil ‘Brincadeiras da lingua’, interpretado pola compañía Migallas Teatro. Será en dúas quendas, ás 17.00 e 18.30 horas. As dúas funcións tamén serán de balde e con inscrición previa. A información completa pode consultarse aquí.

No tramo final de maio, o sábado 28, o servizo municipal de Normalización Lingüística impulsa a última quenda do mes do percorrido ‘Paseos pola Coruña literaria’, con Marilar Aleixandre. O prazo de inscrición abrirase o vindeiro luns 23.

O peche á programación de actos promovidos polo Concello no contexto do Día das Letras Galegas 2022 terá lugar o día 31 de maio, cunha nova xornada de espectáculo teatral para nenas e nenos no que María Faltri e Jorge Juncal, dentro do programa Apego, achegaranse á rapazada con ‘Soñando inventei’. Será en dúas quendas de balde e con inscrición previa, ás 17.00 e 18.30 horas. A información completa pode consultarse aquí.