O secretario xeral de Política Lingüística destacou que “esta festa celebra un solsticio no momento no que saímos da pandemia”
Unhas trescentas persoas desafiaron ás fortes choivas rexistradas durante toda a mañá e desfrutaron do XLVII Desfile de Carrozas de San Cidre, organizado pola Comisión de Festas de Oural en colaboración co Concello de Boqueixón. Unha festividade que tras dous anos de ausencia pola pandemia sanitaria congregou a seis carrozas, que repartiron viño e petiscos variados (filloas con chouirizo, orella…) entre os presentes.
A música correu a cargo da Charanga BB+, Tania Veiras e Pena do Corvo, mentres que pola tarde a verbena chegou da man da Orquestra Finisterre. Tras un desfile por Camporrapado, as carrozas trasladáronse ao campo da festa de Oural, onde tivo lugar o pregón a cargo do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez.
O pregoeiro amosouse moi “orgulloso de dar o pregón”, convidando aos presentes a “festexar e vivir a vida, sementade para o día de mañá”. Ademais de amosar a súa “admiración polo traballo que fan as persoas que elaboran as carrozas, onde me gusta ver que parte da mocidade se une para manter a tradición”, Valentín García destacou que “esta festa celebra un solsticio no momento no que saímos da pandemia, unha coincidencia moi bonita”.
Festa de interese turístico
Pola súa banda, o alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, agradeceu o apoio que cada ano recibe este festa. “Dá gusto ver o campo cheo despois da pandemia”, asegurou o alcalde, quen insistiu en que “dende o Concello seguiremos apoiando esta festa para que sexa declarada de interese turístico de Galicia”. Os autores das carrozas recibiron cadansúa placa conmemorativa.
E é que a orixe do desfile de carrozas ten lugar fai case cinco décadas, cando un grupo de veciños de Oural-Camporrapado decidiu organizar, na honra ao patrón dos labregos, unha mostra das distintas tarefas relacionadas cos seus traballos diarios. Mostras que se instalaban en carros tirados por vacas e que foron evolucionando ata o día de hoxe que están movidas por vehículos a motor. Toda a festa está intimamente ligada á gastronomía tradicional (posto que cada carroza fai unha degustación de produtos típicos a cambio dun donativo económico simbólico) e ao folclore galego.