O sábado 28 de maio competirán máis de 50 deportistas que participaron nos Xogos de Tokio
A Coruña preparase para recibir aos mellores atletas mundiais do momento no que será a súa trixésimo quinta edición do Gran Premio de Marcha Cantóns da Coruña – Trofeo Sergio Vázquez que como todos os anos e de maneira ininterrompida, agás no 2020 pola situación pandémica, celébrase no centro da cidade. Será o sábado 28 de maio cando se celebre este clásico do atletismo.
A falta de pouco menos de vinte días para o Gran Premio, segue aumentando o nivel do elenco de marchadoras e marchadores que confirmaron a súa participación na cita coruñesa. As últimas confirmacións son a do subcampión olímpico en Londres 2012 Erick Barrondo, de Guatemala, e a da chinesa Quieyang Shenjie, bronce na mesma edición. Súmanse deste xeito aos tamén medallistas olímpicos confirmados: a colombiana Sandra Lorena Arenas e Evan Dunfee, de Canadá, prata e bronce respectivamente nos Xogos de Tokio 2020. Na Coruña competirán máis de 50 deportistas que participaron o ano pasado nos Xogos Olímpicos de Tokio.
Novas distincións para a organización do Gran Premio
Recentemente o Gran Premio sumaba dúas novas distincións máis que engadir á súa importante nómina de recoñecementos nacionais e internacionais. O primeiro deles viña da man da Real Federación Española de Atletismo, que novamente distinguía a Cantóns como a mellor proba de marcha do ano 2021. Unha semana despois era o xurado da IV Gala do Deporte da Coruña e da súa Comarca quen recoñecía a Cantóns como a mellor competición do ano 2021, galardón que entregou a alcaldesa, Inés Rey.
Este importante evento conta desde o ano 2019 coa placa Patrimonio Mundial do Atletismo, máxima distinción mundial outorgada pola World Athletics. O seu presidente Sebastian Coe dixo que “o Gran Premio anual Cantóns da Coruña é un faro de excelencia e a reunión máis antiga do circuíto de marcha da WA”.