A Comisión de Festas de Oural, en colaboración co Concello de Boqueixón, organiza o XLVII Desfile de Carrozas de San Cidre, que terá lugar este domingo 15 de maio, a partir das 12:00 horas en Oural-Camporrapado.
Ás 14:00 horas, o secretario xeral de Política Lingüistica, Valentín García Gómez, dará o pregón da festa, que dará paso a unha degustación de petiscos e viño na contorna de cada carroza. A Charanga BB+, Tania Veiras e Pena do Corvo encargaranse da música. A partir das 17:00 horas, tarde de xogos infantís, previo á verbena coa Orquestra Finisterre (18:00 horas).
A orixe do desfile de carrozas ten lugar fai décadas cando, un grupo de veciños de Oural-Camporrapado, decidiron organizar na honra ó patrón dos labregos, unha mostra das distintas tarefas relacionadas cos seus traballos diarios. Mostras que se instalaban en carros tirados por vacas e que foron evolucionando ata o día de hoxe que están movidas por vehículos a motor.
Toda a festa está intimamente ligada á gastronomía tradicional (posto que cada carroza fai unha degustación de produtos típicos a cambio dun donativo económico simbólico) e o folclore galego.