O Concello de San Sadurniño ten en marcha nestes momentos catro procesos selectivos para a cobertura de distintas prazas. En concreto as referidas a Oficial/a da maquinaria municipal, Traballador/a social e dúas para traballar como persoal funcionario de carreira nas oficinas, nun caso como Administrativo/a e noutro como Administrativo/a de xestión. O prazo de presentación de instancias rematou para as catro convocatorias e agora empezan a publicarse os listados provisionais de aspirantes admitidas e admitidos. As dúas primeiras relacións son as correspondentes ás prazas de administración, para as que o Concello recibiu 79 solicitudes, 49 admitidas e 30 rexeitadas, ás que se lles dá de prazo ata o día 19 de maio para que presenten reclamacións ou emendas.
Os dous procedementos desenvolveranse mediante concurso-oposición e avaliarán o coñecemento teórico e práctico das funcións en cada posto e, a maiores, o Concello será pioneiro introducindo unha proba oral sobre seis apartados cos que se pretende valorar a aptitude competencial das persoas candidatas, na liña de asegurar, entre outros aspectos, a efectividade no traballo, a calidade na atención á veciñanza ou o traballo en equipo. Do deseño desta parte das probas e da súa avaliación (que outorgará un máximo de 12 puntos dos 100 posibles) encargarase un equipo formado por especialistas das universidades da Coruña e Santiago.
Ambas convocatorias teñen a finalidade de seleccionar persoal funcionario de carreira para a súa incorporación con praza en propiedade ao Concello de San Sadurniño. Nun caso trátase da cobertura dun posto de administrativo/a (grupo C, subgrupo, C1, escala, administración xeral; subescala: administrativa, nivel de destino 17 e complemento específico 34,95) e no outro trátase do posto actualmente vacante de administrativo/a de xestión, encadrado nas mesmas categorías pero cun nivel 19 e un complemento específico de 37,55.
As persoas interesadas en participaren no proceso selectivo tiveron até o pasado 11 de abril para presentar as súas instancias e efectuar o pagamento da taxa polos dereitos de exame. Hoxe o Boletín Oficial da Provincia publica o listado provisional de admisións. Son 26 para a convocatoria de administrativo/a, na que se rexeitaron provisionalmente 17 solicitudes, e 23 admitidas para a praza de administrativo/a de xestión, onde neste intre habería 13 peticións rexeitadas por distintos motivos reflectidos no propio anuncio.
Outras convocatorias de emprego
Ademais das convocatorias para a cobertura destas dúas prazas, o Concello tamén pechou onte mesmo o prazo de presentación de instancias para participar na selección dun posto de Oficial/a de maquinaria e na do posto de Traballador/a Social. As bases e outra documentación que se foi publicando nos últimos meses -e a que aínda falta por publicar- poden consultarse no apartado AVISOS da web municipal, ao que se accede desde a portada de sansadurnino.gal.
Por outra banda, este mércores tamén se publicou no Boletín Oficial da Provincia a oferta de emprego público do Concello para o ano 2022. Consonte a Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público, nela inclúese a relación de postos que se cubrirán mediante concursos para a estabilización de emprego.