Friday 22 de November de 2024

A Policía local pobrense achega o seu labor ás crianzas da localidade


O corpo da Policía local da Pobra do Caramiñal iniciou nesta semana unha serie de xornadas de achegamento a escolares da educación infantil da localidade. As visitas xa se efectuaron nas unitarias do Vilariño e A Angustia, e proseguirán nas vindeiras semanas na unitaria da Granxa, no Monte Carmelo e na E.E.I. Fernández Varela.

O concelleiro da Seguridade, José Andrés Lojo (Nós Pobra), e o xefe do corpo, José Manuel Cameán, relatan que no transcurso delas se lles explica en que consiste o labor dos e das axentes, ademais de lles ofrecer nocións básicas sobre seguridade viaria coma, por exemplo, como recoñece-los pasos peonís, o tránsito nas beirrarúas, estar con precaución na contorna dos centros educativos á hora de entrada e saída polos vehículos etcétera; todo isto, con material de soporte cedido pola Dirección Xeral de Tráfico (DXT), con vídeos, diapositivas e láminas para colorear coas cales sigan aprendendo mentres se divirten.

Ademais, tiveron a oportunidade de subiren a algún dos vehículos e coñece-los recursos cos cales se conta.