Alternativa dos Veciños de Arteixo denuncia a situación irregular dunha explotación de gando porcino no lugar A Ermida na parroquia de Lañas, xa que teñen os animais nunhas condicións pésimas e tamén incumpren as normativas ambientais e de seguridade.
Alternativa de Arteixo poñerá en coñecemento das diferentes administracións con competencias, a situación na que se atopa unha granxa de porcos no lugar da Ermida na parroquia de Lañas, xa que os representantes de Alternativa en Arteixo estiveron a visitar a zona e puideron comprobar as pésimas condicións das instalacións nas que viven os animais e que tamén a granxa incumpre gravemente as normativas ambientais e de seguridade.
“As condicións nas que viven os porcos é unha autentica barbaridade. As condicións nas que se atopan as instalacións é gravemente prexudicial tanto para os animais como para as persoas que residen nas proximidades da explotación. O pozo de xurros atópase totalmente esnaquizado e está a verter ao exterior. A tapa superior do pozo está afundida e provoca un serio risco para os nenos e outros animais que se poidan achegar ao mesmo, xa que nin tan sequera está valado. Como consecuencia do mal estado do pozo de xurros e de que tamén están a verter os xurros para o pozo de seguridade que se atopa destapado, os veciños que residen nas proximidades xa non poden seguir soportando esta situación que lles provoca ter que vivir no medio dun cheiro insoportable e prexudicial
para a saúde” apunta Juanfran Martínez, coordinador de Alternativa en Arteixo.
“Desde Alternativa dos Veciños poñeremos este grave asunto en mans das administracións competentes e, esperamos que tomen cartas no asunto o máis axiña posible, xa que están en risco a saúde e calidade de vida dos animais e das persoas” matiza Juanfran Martínez.