Saturday 16 de November de 2024

O Concello promociona esta fin de semana o turismo, a cultura e a gastronomía locais no stand informativo de Expocidades en Ferrol


O Concello de Narón participa en Ferrol cun expositor propio na sexta edición da Feira de Turismo Expocidades, na que se amosarán durante toda esta fin de semana os encantos turísticos e os produtos típicos da gastronomía das cidades e deputacións que integran o Eixo Atlántico. A convocatoria inaugurouse este mediodía, cun percorrido pola feira no que participaron representantes de concellos da zona, entre eles a alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e o edil de Deportes da cidade, José Oreona.

No stand de información turística Narón-Xeodestino Ferrolterra-Rías Altas ofrecerase aos visitantes completa información sobre a guía de turismo “Narón para os teus ollos”, as rutas “Pena Molexa-Monte da Lagoa”, “Ruta dos muíños”, o tramo do Camiño Inglés que discurre polo termo municipal, donde se dispón dunhas seiscentas prazas hoteleiras. No stand da cidade tamén se poderán ver vídeos promocionais e unha mostra de pemento do Couto, cedido pola Cooperativa do Val, o produto gastronómico con Indicación Xeográfica Protexida e cunha festividade propia na cidade que se conmemora no mes de xullo para exaltar as excelentes características deste produto.

Un ano máis nesta feira, que se celebra cada dous anos alternativamente en Galicia ou Portugal, ofrécese información dos recursos turísticos do Xeodestino Ferrolterra Rías Altas. En conxunto, ubicáronse na Praza de Armas, en Ferrol, unha trintena de casetas nas que se amosarán unha gran variedade de produtos, ao tempo que se celebrarán actividades e tamén se convocaron degustacións gastronómicas.
A feira pódese visitar hoxe ata as 21.00 horas e tamén o sábado de 13.00 a 22.00 e o domingo de 11.00 a 19.00 horas.

Ferreiro incidiu en que “este evento representa unha excelente oportunidade para que poidamos amosar aos visitantes información sobre recursos turísticos, eventos culturais, elementos patrimoniais, produtos gastronómicos… e, en definitiva, dar a coñecer que Narón é unha cidade moi acolledora e cun gran potencial a nivel turístico”.