Monday 25 de November de 2024

Conxo acolle a Festa do Banquete o 20, 21 e 22 de maio


O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, acompañado polos técnicos municipais Suso Amado e Lucía Castro; a xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil; e a pregoeira María Dolores Domínguez (Madó), presentou esta mañá en rolda de prensa o amplo de programa de actividades da Festa do Banquete de Conxo, en cuxa organización participou tanto o Concello de Santiago como a veciñanza, cun alto nivel de implicación. O día grande das festas será o domingo 22 de maio, cunha romaría popular aberta a todo o mundo na que se farán diversas recreación teatral do Banquete de Conxo e que estará amenizada por distintas actuacións musicais. Nos próximos días darase a coñecer o programa definitivo.

Durante a rolda de prensa, o alcalde fixo un chamamento a toda a cidadanía a “desfrutar de novo destas Festas, especialmente tras estes dous anos de parón por mor da pandemia no que nos perdimos tantas cousas”. Xosé S. Bugallo tamén animou á participación popular e recordou que todo o que queira pode acudir vestido de época á romería e unirse ás distintas recreacións teatrais.

O domingo 22 de maio será o día central das Festas, que arrancará ás 11:00 h co desfile teatral “Alá van estudantes e artesáns”, un percorrido desde a Praza do Toural ata Conxo que será seguido na propia carballeira polo pregón de apertura a cargo de María Dolores Domínguez (Madó) e Iria Portos e a actuación da Banda Municipal de Santiago. Ao longo da mañá intercalaranse as recreacións teatrais “Baixamos ao bosque de banquetes” e o propio Banquete de Conxo, representado por diferentes grupos de teatro da cidade baixo a dirección dos Quinquilláns.

Pola tarde celebrarase “O serán da Fraternidade”, unha foliada que estará amenizada pola música e bailes tradicionais de Os Fondaos do Pífaro e Muiñeiros de Sarela, seguido polo pregón de despedida da Festa a cargo do escritor Suso de Toro.

Para o xantar, os participantes na romaría poden traer a súa propia comida e bebida da casa, ou mercala nos foodtrucks instalados na rúa Ramón Baltar para levar á Carballeira.

Actividades para os máis novos
O programa de activades das Festas arrancará o venres ás 11:00 coa representación teatral de “O Pequeno Banquete” a cargo de Os Quinquilláns e o alumnado dos centros CEIP Quiroga Palacios, IES Arcebispo Xelmírez II e CPR Santa Apolonia. Arredor de 450 alumnos achegaranse á Carballeira para participar ou asistir á esta peza teatral, que dará paso a continuación ao concerto da cantante galega Wöyza.

O mesmo venres pola tarde terá lugar a xincana familiar “Coñéceo máis” polo Bosque do Banquete de Conxo, cuxa inscrición é posible a dptoxuventude@santiagodecompostela.gal ata completar aforo.

Ademais, os brindes gañadores do o I Certame de Brindes Poéticos “Banquete de Conxo”, dirixido ao alumnado de primaria, secundaria e bacharelato da cidade, e organizado polo Departamento de Educación, serán lidos o domingo 22 na Festa do Banquete.

Temáticas variadas
Durante os tres días todas as persoas interesadas terán a oportunidade de participar nun amplo abanico de actividades lúdicas e formativas. O venres 20 pola tarde, impartiranse dous obradoiros, un adicado ao baile tradicional, sen inscrición previa; e outro aos tradionais Cantos de Taberna, cun posterior percorrido que se iniciará Hospital Psiquiátrico de Conxo e continuará nos bares do barrio.

Co fin de coñecer máis en profundidad a contorna onde se desenvolveu o Banquete, o sábado ás 10:00 horas terá lugar a actividade inmersiva “Baños do Bosque” con previa inscrición a través do correo electrónico bosque@santiagodecompostela.gal. Tamén ás 12:00 e 12:30 horas, Quique Alvarellos e Susana Domínguez guiarán dous roteiros sobre a historia do Banquete de Conxo, con posibilidade de seguilo en galego, castelán ou inglés e con inscrición previa.

Xa na tarde do sábado, o CSC Aurelio Aguirre de Conxo acollerá a mesa redonda “A guerra en Ucraína e a paz”, conducida pola xornalista Nuria López, na que intervirán Miguel Cabo Villaverde, profesor de Historia Contemporánea da USC, Marcos Márquez, analista internacional, e representantes de AGA Ucraína e a Plataforma Galiza Pola Paz.

O programa completarase cun Concerto da Coral do Psiquiátrico de Conxo xunto coa Coral Amigos do Castiñeiriño, o Coro de Habaneras Rocha Forte e o Coro Crecente na Escalinata do Hospital Psiquiátrico de Conxo ás 19:00 e a “A Festa da Poesía”, que será conducido por Marga Tojo e contará coa participación musical de Bratzantifa, Hugo Guezeta, Su Garrido Pombo e as poetas Nuria Vil, Carlos da Aira, Mariña Maceiras, e que terá lugar na Praza Aurelio Aguirre ás 20:30 horas.

3º Mercado do Libro e da Artesanía
A praza Aurelio Aguirre acollerá os días 21 e 22 de maio, o Mercado do Libro e da Artesanía que poderá visitarse en horario de mañá e de tarde.

Baixo a organización do Departamento de Comercio do Concello, este espazo acollerá 20 expositores dos sectores do libro e da artesanía así como mostras de xogos populares, presentacións de libros, recitais poéticos e actuacións musicais.

Rosalía no Bosque do Banquete de Conxo
Entre o 14 e o 22 de maio, ao longo do traxecto de baixada do desfile ao Banquete de Conxo, entre a praza de Cervantes e o Bosque do Banquete de Conxo, os viandantes poderán desfrutar da exposición “Rosalía no Bosque do Banquete de Conxo” que pretende difundir a arte figurativa ao mesmo tempo que se fai un recoñecemento aos protagonistas do Banquete de Conxo.

Tren do Banquete de Conxo
O sábado e domingo, veciños e visitantes poderán tamén desfrutar dun percorrido especial e gratuíto do tren turístico, decorado para o ocasión con motivos da Festa do Banquete de Conxo.

Os traxectos, de ida e volta, terán como punto de partida a Alameda e chegarán ata o barrio de Conxo, con prioridade de acceso para as familias con nenos, as persoas con mobilidade reducida e persoas vestidas de época. As horas de saída desde a Alameda serán a cada hora en punto desde as 11:00 h ata ás 20:00 h o sábado e o domingo, e desde a praza do Mosteiro de Conxo de 11:30 a 20:30 o sábado, e de 10:30 a 19:45 o domingo.