O programa abrangue, por primeira vez, dúas xornadas, e desenvolverase nos días 12 e 13 de setembro
A Asociación O Esquío no Piñeiro e a Piscina Municipal Cuberta de Brión están a ultimar os preparativos para a posta en marcha dunha nova edición da Ruta BTT Río Tambre-Brión, que este ano presenta grandes novidades. A principal é que o programa se desenvolverá en dúas xornadas, os días 12 e 13 de setembro.
Para o sábado 12 está programada a Cronoescalada Carballeira de Santa Minia-Torres de Altamira. A proba dará comezo ás 18.00 horas e, cada 30 segundos, os participantes na mesma irán saíndo da Carballeira de Santa Minia para realizar unha escalada contra reloxio ata as Torres de Altamira, percorrendo unha distancia de entre 5 e 6 quilómetros. Os tres primeiros clasificados nas categorías masculina e feminina levarán un trofeo.
O domingo 13 de setembro contará con dúas probas deportivas. A primeira delas comprenderá a estrea do I Duatlón Cross Río Tambre, que sairá ás 09.00 horas das inmediacións da Piscina Cuberta Municipal, que tamén será o punto de chegada. Esta proba conta cun percorrido de 25 quilómetros en bicicleta e 6 a pé.
Media hora máis tarde dará comezo a proba grande, a IV Ruta BTT Río Tambre-Brión. Os participantes na proba deberán completar un percorrido que discorrerá ao longo de 45 quilómetros de sendeiros –tanto polas ribeiras do Tambre coma polo Monte Rubial-, cunha dificultade técnica e física media. O punto de saída e de chegada será o pavillón municipal de Brión.
Ao igual ca no caso anterior, os treis primeiros clasificados das categorías masculina e feminina destas dúas probas levarán un trofeo. Ademais, e como é de costume, a organización agasallará a todos os participantes cunha camiseta técnica transpirable.
Ao finalizar as probas do domingo, terá lugar un xantar de confraternidade no pavillón municipal brionés ao que poden acudir todos aqueles participantes que o desexen. Dende a organización anuncian tamén varias sorpresas nesta xornada.
Inscricións e prezos
As inscricións para calquera das tres probas deben formalizarse a través da web http://rutabttdotambre.blogspot.com.es/. Para a Cronoescalada hai un total de 150 prazas dispoñibles e o prezo é de 8 euros. No caso do Duatlón Cross, hai outras 150 prazas e o custo ascende a 12 euros. Finalmente, a Ruta BTT Río Tambre-Brión conta ata 300 prazas e o prezo é tamén de 12 euros.
Dende a organización estableceron un bono especial para dúas probas por 15 euros. Os participantes poderían escoller entre acudir á Cronoescalada e ao Duatlón Cross, ou ben entre a Cronoescalada e a Ruta BTT.
Cómpre lembrar que o pago das inscricións inclúen os dorsais, un agasallo conmemorativo da proba, a comida de confraternización do domingo, o control de tempos por chip, avituallamentos, aparcamento de balde, vestiarios e duchas, piscina e sauna. Tamén o prezo cubre todos os custos relacionados cos seguros de responsabilidade civil, os servizos de ambulancia e de recollida en caso de accidente.