Friday 22 de November de 2024

Sánchez Bugallo cre que sería un fracaso colectivo non desbloquear o proxecto Peleteiro


O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, cre que sería un fracaso colectivo “para a representación cidadá” que non se desbloqueara o proxecto Peleteiro. A proposta presentada pola propiedade na Comisión Mixta de Peleteiro, o pasado mércores, recolle en parte as peticións da veciñanza de República Arxentina e amplía a conexión con esta rúa de 13 a 17 metros.

O rexedor manifestou, na rolda de prensa de hoxe e a preguntas dos xornalistas, a súa preocupación, e subliñou que “todos debemos ser responsables e conscientes da responsabilidade que temos”. Recoñezo”, engade, que estou sorprendido da actitude do PP neste tema, porque me parece incomprensible que unha formación con oito concelleiros se coloque de esguello, como se non fora con eles, cando é un tema troncal e fundamental para a cidade de Santiago”. Sobre a postura de Compostela Aberta, Sánchez Bugallo espera que os intereses xerais da cidade “se poñan por enriba de calquera outro obxectivo. A inmensa maioría da sociedade non entendería que este proxecto non saíse adiante”.

Sánchez Bugallo alertou que “a propiedade pode esixir os seus dereitos recoñecidos a través do Plan Xera de Ordenación Municipal”, que establece “unha rúa de conexión entre San Pedro de Mezonzo e República Arxentina”. Recorda que o Concello de Santiago debe outorgar esa licenza se se pide, ao ser unha “norma de obrigado cumprimento”. “Polo tanto”, engadiu, “todos debemos valorar os riscos e alternativas que están sobre a mesa e actuar en consecuencia. A partir de aí o demais son contos e demagoxia”.

A alternativa presentada pola propiedade, ademais de ampliar a conexión entre a praza interior e a rúa de República Arxentina, que quedaría un metro máis ancha que Xeneral Pardiñas e 5 máis que Alfredo Brañas, inclúe a proposta de converter nun acceso soportalado unha boa parte do edificio, de xeito que, en realidade, serían 32 metros de entrada: 17 ao aire libre e 15 baixo os soportais, suprimindo a planta baixa e o primeiro andar de boa parte do edificio. A empresa solicitou que a proposta se levase ao pleno ordinario do 31 de maio para resolver. Na reunión da Comisión Mixta, as asociacións presentes apoiaron esta alternativa: Raigame, Santiago Centro, Em-Rede, Comercio Punto Compostela e Agadea.

O alcalde engadiu que “temos desmostrado, ao longo destes 15 meses de conversas, os nosos esforzos en intentar buscar un punto de encontro”, esforzos que continuarán, indicou, para intentar acadar unha solución. “Pero”, engadiu, “todos debemos ser conscientes das responsabilidades e das alternativas que temos sobre a mesa”.