— Ángeles Vázquez subliña que se trata do “maior orzamento da historia” para un programa de rehabilitación residencial, co que se apoiarán actuacións de renovación de fachadas e cubertas e a substitución de equipos de calefacción e de auga quente
— Anuncia tamén outra liña novidosa destinada a sufragar os gastos de redacción dos proxectos e da documentación técnica requirida para poder executar estas obras
— Lembra que os galegos tamén poden acceder a outras 4 liñas de incentivos para rehabilitar e reducir os consumos dos seus inmobles, dotadas de máis de 19 M€
A Xunta convocará a próxima semana, por un orzamento de 22,9 millóns de euros, un novo programa de axudas destinadas a apoiar aos cidadáns na execución de obras de rehabilitación enerxética en vivendas unifamiliares e edificios residenciais. Ademais destes incentivos, que poden chegar a cubrir ata o 100% do custo da actuación, tamén se publicarán outras axudas novidosas para financiar trámites previos e imprescindibles para levar a cabo este tipo de obras.
Durante un acto na Coruña no que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta na cidade, Gonzalo Trenor, a conselleira en funcións de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, anunciou que o vindeiro luns se publicará a primeira convocatoria das axudas a nivel de edificio e dos incentivos para elaboración do libro do edificio existente e redacción de proxectos. En ambos casos, os interesados poderán presentar as súas solicitudes entre o martes, 17 de maio, e o 30 de novembro.
Cunha partida asignada de 22,9 millóns de euros, a responsable autonómica subliñou que o programa a nivel de edificio será a liña de axudas á rehabilitación residencial “co maior orzamento da historia”, unha “oportunidade única” para Galicia, dixo, que será posible grazas aos fondos NextGenerationUE que xestiona a Xunta.
Neste caso, as axudas destinaranse a apoiar actuacións de mellora da envolvente de edificios de uso colectivo e vivendas unifamiliares, como a renovación de fachadas e de cubertas, e a substituír equipos de calefacción e de auga quente para lograr, como mínimo, un aforro enerxético do 30%.
De feito, atendendo aos ingresos dos solicitantes e á porcentaxe de redución dos consumos acadada, a contía da subvención pode chegar ata os 38.750 euros, no caso de retirada de elementos con amianto.
En canto aos incentivos para a redacción do libro do edificio e de proxectos de rehabilitación —documentación que xa é obrigatoria para os inmobles de nova construción e que se quere fomentar no caso dos existentes—, Ángeles Vázquez sinalou que se convocarán este ano por 1,25 millóns e irán destinados a edificios ou vivendas rematadas antes do ano 2000 que se vaian rehabilitar.
A contía máxima desta axuda será de 3.500 euros cando se destine a elaborar o libro do edificio e poderá chegar ata os 30.000 euros se o que se quere financiar é o proxecto técnico correspondente e necesario para executar as obras de mellora.
Tras resaltar que A Coruña é un dos concellos no que os programas para facilitar o acceso á vivenda “teñen sempre unha mellor acollida”, a conselleira animou á veciñanza a aproveitar tamén os novos incentivos á rehabilitación que se poderán solicitar a partir da vindeira semana. “As expectativas son moi boas porque historicamente a cidade da Coruña é unha das que máis solicitudes presenta e máis recibe. De feito, agora mesmo, a cidadanía coruñesa é da que está preguntando máis polas axudas en si”, engadiu.
Neste sentido, cómpre subliñar que ao abeiro da convocatoria de 2021 do Programa de rehabilitación enerxética de edificios (PREE), os coruñeses recibiron axudas da Xunta por un importe global de 2,6 millóns de euros destinadas a mellorar a eficiencia dun total de 679 vivendas.
Catro liñas máis con prazo aberto
Os novos programas anunciados hoxe pola conselleira sumaranse ao resto de incentivos previstos para 2022 co fin de fomentar a recuperación do patrimonio residencial construído, ofrecendo facilidades ás familias á hora de promover este tipo de melloras.
Así, a conselleira referiuse ás outras catro liñas de axudas neste eido que xa están convocadas e en prazo de presentación de solicitudes, a través das cales, recordou, se mobilizará un orzamento global de máis de 19 millóns de euros.
En concreto, explicou que o programa de axudas a nivel de vivenda, dotado de 13,5 millóns e dirixido a financiar pequenas obras de rehabilitación como o cambio de ventás, ofrece axudas de ata 3.000 euros que se poden solicitar ata o 14 de outubro; e que as axudas para actuacións de rehabilitación enerxética en edificios existentes en municipios de reto demográfico —o chamado PREE 5000— permitirá acometer melloras enerxéticas nos edificios destas zonas con incentivos que poden chegar ata o 100% do custo da obra.
Así mesmo, a conselleira tamén lembrou que ata o 30 de setembro os propietarios de vivendas e edificios nalgunha das tres áreas de rehabilitación integral supramunicipais —a ARI dos Camiños de Santiago, a da Ribeira Sacra, e a das Illas Atlánticas— poden optar a un máximo de 25.000 euros para restaurar e remudar os seus inmobles. Un dos concellos beneficiados destas liñas é A Coruña, por onde transcorre o Camiño Inglés.
Finalmente, para as persoas interesadas en vivir nalgún dos case medio cento de centros históricos que hai en Galicia, explicou que a Xunta ofrece axudas de ata 15.000 euros para facilitar a adquisición da vivenda habitual nestas zonas, incentivos que facilitan o acceso dos cidadáns a un fogar pero que tamén contribúen a revitalizar o patrimonio construído destes ámbitos, facilitando o asentamento de novas familias.
Unha trintena de programas e máis de 150 M€
Todas estas axudas enmárcanse na trintena de programas que a Xunta ten previsto convocar este ano para poñer a disposición de cidadáns, promotores privados e entidades locais máis de 150 millóns de euros en axudas para financiar diferentes actuacións en materia residencial.
Co obxectivo de dar a coñecer todos os incentivos dispoñibles ou pendentes de convocar e garantir que cheguen ao maior número de beneficiarios, a conselleira lembrou que o seu departamento está a organizar encontros informativos comarcais dirixidos a todos os axentes que interveñen no sector da vivenda e aos veciños e profesionais interesados.
Na mesma liña, a mediados de marzo púxose en marcha a Oficina de rehabilitación de vivenda en Santiago de Compostela, que ofrece información e asesoramento personalizado sobre os novos programas de axudas con fondos europeos. No seu primeiro mes en funcionamento, as 14 persoas que traballan nesta oficina atenderon máis de 2.000 consultas telefónicas ou presenciais, unha media de 90 cada día.
Por último, Ángeles Vázquez tamén lembrou que xa está dispoñible en formato dixital a guía informativa elaborada pola Xunta sobre os distintos programas de axudas para rehabilitación enerxética no eido residencial, un documento que se pode descargar neste enlace.