Friday 22 de November de 2024

O Concello sacará a licitación a parcela para a construción e explotación dun supermercado ou centro comercial en Costa Miño


• En Xunta de Goberno Local aprobouse o expediente para a constitución e adxudicación dun dereito de superficie sobre a parcela e nos próximos días procederase á licitación.

• O canon para a adxudicación deste dereito é de 36.000 euros anuais.

• A parcela conta con 3.511,98 metros cadrados, a edificación poderá constar de soto + baixo + primeira planta e contémplanse 68 prazas de aparcamento.

O Concello de Miño aprobou hoxe en Xunta de Goberno Local a proposta para levar nos próximos días a licitación pública a parcela da súa propiedade para a construción e explotación dun supermercado ou centro comercial na urbanización Costa Miño.

Así, queda validado o expediente para a constitución e adxudicación dun dereito de superficie sobre a parcela para a construción e explotación dun centro comercial ou supermercado, coa aprobación da memoria xustificativa, do prego de prescricións técnicas e de cláusulas administrativas particulares.
Nos próximos días procederase a licitar o citado dereito de superficie da parcela, que conta con 3.511,98 metros cadrados, nos que se poderá levantar unha edificación con soto + baixo + primeira planta e para a que se contemplan 68 prazas de aparcamento. O canon que se solicitará para a adxudicación deste dereito é de 36.000 euros anuais.

O alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo, explicou que “a demandada instalación comercial para a urbanización pronto será unha realidade, cubrindo así as carencias que existen nesta zona en canto á existencia de puntos de venda de alimentación”. “Este novo servizo contribuirá a consolidar ou enorme crecemento e transformación que se está a vivir en Costa Miño nos últimos anos e tamén a dinamizar a economía local e a crear postos de traballo”, afirmou.