Friday 22 de November de 2024

Cabanas avanza a programación das Letras Galegas


O prazo para presentar obras ao III Certame de Poesía remata o propio día 17

O Concello de Cabanas avanzou esta mañá a programación arredor do Día das Letras Galegas, que se celebrará o próximo 17 de maio, data na que se homenaxeará a figura de Florencio Delgado.

Ademais do III Certame de Poesía Concello de Cabanas, cuxo prazo de presentación de obras a concurso remata o propio día 17 de maio ás 23h, as áreas de normalización lingüística e cultura organizaron unha serie de actividades, entre as que se inclúen unha proxección e un concerto, ademais do recital poético no marco do acto de entrega dos premios de poesía.

O martes 17 de maio, ás 18h, terá lugar a proxección de “A Rosa Incandescente”, unha curtametraxe sobre a Rosalía de Castro no momento de publicar “Lieders”, o seu primeiro ensaio de temática feminista, no que é a “propia” Rosalía a que fala aos espectadores de si mesma e os guía pola súa traxectoria vital e pola súa obra. A proxección contará coa presenza da guionista e promotora da obra, a cabanesa Anxos García Fonte.

O venres 27 de maio, a programación das Letras arrincará cunha sesión especial do Club de Lectura ás 17.00h, e a continuación, ás 18.30h, terá lugar o acto de entrega dos premios do III Concurso de Poesía. Para rematar a xornada, ás 19.30h haberá un concerto a cargo de Cristian Leggiero e Paty Lesta, no que homenaxearán á música tradicional galega.

As concelleiras de normalización lingüística, Paula González, e de cultura, Diana Rodríguez, animaron á veciñanza a participar nas diferentes actividades organizadas, e coincidiron en destacar a programación adaptada aos diferentes públicos.