Vai dirixido a mozos de entre 18 e 30 anos de idade. A inscrición ábrese o mércores.
O Concello da Laracha, co apoio da Consellería de Política Social, organizará no próximo verán un novo campo de voluntariado internacional de temática arqueolóxica e centrado na posta en valor do Castro de Montes Claros e a conservación do seu entorno. A iniciativa, enmarcada na campaña de verán deste ano 2022 da Xunta de Galicia e dirixida a un máximo de quince mozos de idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos, levarase a cabo do 26 de xullo ao 6 de agosto. O prazo de inscrición para as persoas interesadas en participar abrirase o próximo mércores (día 19 de maio).
Os campos de voluntariado dan a oportunidade aos mozos de vivir unha experiencia única baseada en dous aspectos fundamentais: prestar un servizo de interese xeral á comunidade e reforzar os valores sociais a través da participación grupal con persoas procedentes doutras comunidades e países. Ao mesmo tempo, os voluntarios tamén desfrutarán de actividades de lecer complementarias.
Continuando coas intervencións desenvolvidas no Castro de Montes Claros en anos precedentes noutros campos de voluntariado de similares características a este, nesta ocasión o traballo específico consistirá, fundamentalmente, en tarefas auxiliares de colaboración na segunda escavación do xacemento como a limpeza dos afloramentos rochosos nos que é precisa a intervención manual ante a posibilidade de atopar petroglifos. Previamente os participantes recibirán formación relativa á identificación das estruturas do poboado fortificado e das paisaxes históricas. Tamén se fará especial fincapé no mantemento da biodiversidade animal e vexetal, fomentando o respecto e interese por preservar as paraxes de interese arqueolóxico, pero tamén aquelas que presentan riqueza medioambiental, etnográfica e patrimonial.
Ese traballo específico no castro levarase a cabo polas mañás, sempre baixo o control da dirección do obradoiro e con supervisión arqueolóxica. Nas tardes e nas fins de semana os voluntarios realizarán outra serie de actividades de tipo educativo, didáctico e cultural que tamén lles permitirá coñecer o termo municipal da Laracha, a súa historia e tradición. Durante a súa estancia aloxaranse nas instalacións do centro sociocultural de Santa Margarida (antigo hospital dos peregrinos de Montemaior). A organización asumirá ao completo os custes da estancia e manutención dos participantes, así como das actividades culturais que realicen.
As inscricións deben realizarse en liña na web xuventude.xunta.es, na que tamén se pode ampliar información sobre a oferta de campos de voluntariado dispoñibles en Galicia, noutras comunidades españolas e en países de Europa e América.