Friday 22 de November de 2024

O concello amplía a Zona Azul gratuíta nas rúas próximas ao Centro de Saúde


O estacionamento limítase a 90 minutos para favorecer a rotación dos vehículos.

Nos espazos de aparcamento das rúas máis céntricas e transitadas do núcleo urbano da Laracha está establecida a zona azul gratuíta, un sistema que limita o aparcamento a hora e media durante as mañás de luns a venres coa finalidade de favorecer a rotación dos vehículos.

O Concello está a ampliar a zona azul gratuíta no entorno do centro de saúde e punto de atención continuada para facilitar o estacionamento aos usuarios desas instalacións. Así, están a ser marcadas con dita cor trinta e cinco novas prazas de aparcamento públicas situadas nunha das marxes das rúas Santa Lucía e Suíza e tamén nun sector da rúa Epifanio Campo. Os traballos completaranse coa instalación da sinalización vertical informativa.

A zona azul da Laracha está en vigor de luns a venres (excepto festivos) exclusivamente en horario de mañá, de 9:00 a 15:30 horas. Permite o estacionamento de xeito gratuíto, pero limitado a un tempo de noventa minutos. Cada condutor debe colocar nun lugar visible do vehículo calquera medio que permita comprobar a hora de chegada.

A ordenanza municipal sobre tráfico, circulación de vehículos a motor e seguridade viaria establece que están exentos das limitacións da zona azul os automóbiles particulares que dispoñan da tarxeta de mobilidade reducida e tamén os vehículos con licenza municipal para actividades específicas de ocupación de vía, de entidades públicas adscritos á defensa e á seguridade cidadá, de emerxencia e as ambulancias.