O Concello prestará apoio económico e loxístico, e tamén organizará determinados eventos para impulsar a Feira das Cereixas como Festa de Interese Turístico.
O alcalde, José Manuel López Varela, -acompañado por Patricia Bello, concelleira delegada da área de Festas- e o presidente da Comisión de Festas de Paiosaco, Antonio Vázquez Martínez, asinaron hoxe o convenio de colaboración entre o Concello e dita entidade para o ano en curso.
A Comisión de Festas de Paiosaco promoverá e organizará os festexos populares que se celebrarán na parroquia de Lestón durante o próximo verán, como son as Festas do Sacramento do 18 ao 20 de xuño e a Festa das Cereixas da primeira fin de semana de xullo.
O Concello, ademais de cofinanciar os gastos derivados de ambas celebracións e de prestar apoio loxístico con material e persoal durante o desenvolvemento das mesmas, tamén complementará o programa da Feira das Cereixas da Comisión de Festas organizando directamente determinados eventos para impulsar estas celebracións que contan co distintivo de Festas de Interese Turístico de Galicia.
O Concello expresa o seu agradecemento á Comisión de Festas de Paiosaco e tamén ás comisións e entidades que organizan as festas de cada parroquia por conservar as tradicionais celebracións populares e encher de vida e actividades lúdicas e recreativas o Concello da Laracha, especialmente durante o verán.