Friday 22 de November de 2024

O Concello de Oroso inicia a construción do punto de reciclaxe ‘Oroso Verde’


Inviste máis de 101.000 euros nunhas instalacións que facilitarán a separación de diferentes residuos para a súa posterior reciclaxe

O Concello de Oroso iniciou esta mesma semana os traballos de construción do punto de reciclaxe ‘Oroso Verde’, nunha parcela de 2.200 cadrados situada no polígono industrial Oroso Pequeño (Sigüeiro). Despois dos movementos de terras previos que se acometen estes días, comezará o levantamento das distintas instalacións, entre as que destaca unha nave duns 500 metros cadrados de superficie.

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, e o concelleiro de Obras e Servizos, Eduardo Veiras, explicaron na súa visita ao inicio das obras que o Concello inviste 101.049 euros de fondos municipais nesta iniciativa. Mirás asegura que o punto de reciclaxe “será un paso moi importante para conseguir que o Concello de Oroso sexa cada vez máis limpo e sostible ambientalmente”.

Está previsto que as obras conclúan no vindeiro mes de novembro. De acordo co proxecto, o punto de reciclaxe construirase de xeito modular, o que permitirá futuras ampliacións no caso de que fosen precisas. Nel poderán depositarse diversos residuos tóxicos para a clasificación, separación e posterior reciclaxe. Os veciños e veciñas poderán así desfacerse de xeito seguro de pilas, disolventes, electrodomésticos, aerosois, baterías, produtos de informática… A nave contará tamén con colectores para a separación de papel e cartón, vidro, envases e téxtil. No mesmo recinto, o Concello contempla tamén a habilitación dun lugar especial para recoller plásticos agrícolas e entullos de obra, de uso exclusivo para particulares.

Por outra parte, o Concello traballa xa na elaboración dos pregos do concurso para a xestión do punto de reciclaxe. Nese documento administrativo fixaranse os requisitos económicos e técnicos que deberán cumprir as empresas que queiran optar á adxudicación do servizo, ademais de establecer o procedemento que se seguirá para a contratación.