Friday 22 de November de 2024

Arranca o Paseo Sonoro, no marco do festival O QUE NON SE ESCRIBE


O concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, a Xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil, e a directora do festival O QUE NON SE ESCRIBE, Aitana Cuétara, inauguraron este xoves o Paseo Sonoro no punto de escoita da Oficina de Turismo de Santiago. A iniciativa, na que colabora Turismo de Santiago, poderá percorrerse ata o 29 de maio e permitirá aos participantes descubrir tesouros sonoros nunha vintena de recunchos do casco histórico.

O obxectivo desta iniciativa, explicou o edil Sindo Guinarte, é “atopar tesouros da música tradicional galega en distintos lugares da zona monumental”. Segundo Guinarte, “para Turismo esta actividade enmárcase dentro do epígrafe do Plan de Acción anual adicado á promoción e desenvolmento de produto arredor da música e a tradición”.

Son máis dunha vintena de puntos de escoita que agochan un código QR para escanear e escoitar un anaco dunha peza de música tradicional. Acompañando a cada QR, composteláns e turistas atoparán a información do audio: a quen lle foi gravado, onde e cando foi gravado e por quen foi gravado. Tamén por quen foi feita a selección da peza, xa que para escoller eses cortes contouse coa colaboración de destacados profesionais da música tradicional.

A actividade conta con 22 espazos seleccionados entres museos, comercios e locais hostaleiros. A xerente salientou que “os códigos atópanse nos escaparates e cristaleiras, polo que non é preciso depender dos horarios de apertura dos establecementos”. O Paseo Sonoro, concebido tamén como unha ruta turística diferente polo casco histórico, comeza na Oficina Central de Turismo de Santiago, e remata na Rúa Nova, pero pode facerse na orde que prefiran os participantes.

Entre as novidades desta edición cabe salientar os paseos sonoros guiados que terán lugar o sábado 14 e o domingo 15 en horario ás 11:30 e ás 18:30. O acceso é de balde e só é preciso presentarse diante de Turismo de Santiago cinco minutos antes do comezo. As visitas guiadas estarán dispoñibles en galego e en castelán.

Outra das novidades son os 7 arquivos recollidos da tradición oral de 7 lugares polos que pasan os diferentes Camiños de Santiago, grazas aos que sempre se produciron importantes intercambios culturais: o Camiño Francés, o Camiño Inglés, o Camiño Portugués, a Vía da Prata, o Camiño Primitivo, o Camiño de Inverno e, coma un guiño cara á sede xacobea máis antiga de fora do territorio continental europeo, o Camiño de Santiago de Gran Canaria.