Friday 22 de November de 2024

Alternativa de Bergondo considera escandaloso conceder 34 meses para a execución da rotonda de Guísamo


Alternativa dos Veciños de Bergondo manifesta unha profunda perplexidade diante do prazo de execución de obra que o Ministerio de Fomento vén de conceder á empresa adxudicataria dos traballos de construción da glorieta no entronque da N6 coa AC164 en Guísamo. “Chegamos a convencernos de que os 34 meses que se estaban anunciando tiñan que ser un erro. Non podía ser que unha obra desas características puidese ter un prazo tan desproporcionado de execución, tendo en conta que no proxecto de licitación, elaborado por unha enxeñería, proponse un plan de obra de tan só 5 meses”, manifestou Juan Fariña, voceiro de Alternativa dos Veciños e concelleiro de Infraestructuras de Bergondo.

“A obra que o mesmo Ministerio está realizando en Perillo (Sol y Mar) parte cun prazo de execución de 28 meses, 6 menos que a se pretende levar a cabo en Guísamo. E a de Oleiros presenta unhas dificultades técnicas, unhas complexidades e uns condicionantes de tráfico que non ten, nin de lonxe a de Bergondo. A que responde, polo tanto esta desproporción en Bergondo?”, engadiu Fariña.
Alternativa dos Veciños de Bergondo agarda que a alcaldesa tome rapidamente cartas no asunto e pida as explicacións convenientes ao Ministerio, xa que o caso así o require. Despois dunha tan longa espera non se pode ter en obras durante 2 anos e 10 meses un punto da rede viaria afectado por un tramo de concentración de accidentes. Esta situación constitúe un escándalo e mesmo un engano á cidadanía.