Friday 22 de November de 2024

A Mostra Internacional de Cinema Periférico (S8) da Coruña recupera a experiencia colectiva nunha edición con moita presenza internacional


A alcaldesa Inés Rey destacou a implicación deste evento cos centros educativos da cidade e a súa aposta por lles dar un maior peso ás creadoras femininas

A alcaldesa, Inés Rey, presentou este xoves na Domus a edición número 13 da Mostra Internacional de Cinema Periférico (S8) da Coruña. Este acontecemento realizarase na Coruña entre o 27 de maio e o 5 de xuño, con proxeccións, obradoiros e performances ao vivo na Domus, a Fundación Luis Seoane, o Palexco e o Porto.

Esta cita é toda unha referencia do cinema experimental e neste 2022 recupera a presencialidade e a experiencia colectiva, unha vez superadas as restricións sanitarias.

“Estamos ante un evento de relevancia a nivel nacional e internacional. A Mostra de Cinema Periférico sitúa A Coruña no foco do cinema experimental mundial”, apuntou Inés Rey durante o acto de presentación.

Esta edición do S8 contará con 138 pezas para proxectar, das cales 53 serán estreas internacionais e 47 nacionais. Haberá películas procedentes de 14 países, catro ‘film performances’, 53 convidados/as especiais e dez actividades paralelas. Ademais, o S8 continúa coa súa colaboración cos centros educativos da cidade e a participación en actividades relacionadas coa Mostra de máis de 300 alumnos e alumnas. “Desde o Concello consideramos todo un acerto implicar as novas xeracións neste tipo de propostas únicas”, sinalou Inés Rey.

Por outra banda, a alcaldesa tamén celebrou o maior protagonismo que lles dará este evento ás creadoras xa consagradas no cinema experimental. “Quero agradecer este paso adiante da organización cara á igualdade, algo no que temos que seguir traballando na industria do cine e no resto de sectores da sociedade”, apuntou.

Actividades exclusivas e creadores de referencia

Nesta edición do S8 farase unha grande aposta pola formación e a renovación de novos públicos, abríndose aos creadores e as creadoras máis novas. Ademais, haberá actividades exclusivas con profesionais contrastados/as como Lee Ranaldo, fundador da banda Sonic Youth, e a escritora e artista visual Leah Singer, que presentarán os seus traballos conxuntos e a súa performance ‘Contre Jour’.

Por outra banda, simulando o acontecido en Galicia coa transmisión oral e a cultura popular, os cineastas experimentais australianos Dianna Barrie e Richard Tuohy, referencias internacionais do cinema fotoquímico, impartirán un obradoiro intensivo e presencial para ensinar a facer cinema en 16 milímetros de maneira autosuficiente.

Durante as próximas semanas continuaranse desvelando avances da programación. As entradas e as inscricións para os diferentes eventos estarán dispoñibles na páxina web do festival