Friday 22 de November de 2024

O Teatro Colón estrea ‘Amantis’, un espectáculo con selo coruñés que analiza o impacto dos influencers e as redes sociais entre os e as adolescentes


A peza, dirixida por Tamara Canosa e interpretada por Roque Ruiz, reflexiona sobre as relacións interpersoais entre os nativos dixitais a as xeracións que medraron máis desconectadas da Internet

O Teatro Colón abrirá as súas portas este sábado á estrea do espectáculo teatral ‘Amantis. Selfies, sexting e outras formas de amar(se)’, unha peza con clara identidade coruñesa, dirixida por Tamara Canosa e interpretada por Roque Ruiz, recoñecido polo seu papel na serie ‘El desorden que dejas’ (Netflix).

A obra, que leva o selo da compañía Rebordelos, achega a historia de M., un rapaz de 17 anos con raíces nun barrio obreiro, que busca ser amado, aceptado. Para conseguilo, pasa horas a diario xerando contido para Internet co fin de converterse en influencer. Nese camiño, M. comeza a decatarse de que a intensidade que esixe posicionarse no universo en liña pode levalo a perder a súa propia identidade.

‘Amantis. Selfies, sexting e outras formas de amar(se)’ explora, así, a brecha xeracional entre os nativos dixitais e as persoas que medraron máis alonxadas da era das redes sociais, atendendo tamén a como isto afecta ás súas relacións interpersoais.

As entradas, xa á venda
As entradas para o espectáculo, previsto este sábado 14 de marzo no Teatro Colón (20.30 horas), cun prezo que vai dos 6 aos 10 euros, están á venda a través da páxina web Ataquilla.com e no despacho de billetes central do Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE) da praza de Ourense (de 11.00 a 15.00, e de 16.30 a 19.30 horas). Os pases poderanse adquirir tamén o día da función, no despacho de billetes do Teatro Colón, desde dúas horas antes do comezo da sesión, sempre que haxa entradas dispoñibles.