Saturday 23 de November de 2024

O Concello conmemorou hoxe o Día Internacional da Fibromialxia e a fatiga crónica


O Concello conmemorou hoxe o Día Internacional da Fibromialxia e a Fatiga crónica cunha serie de actos organizados en colaboración coa asociación Affinor. Esta mesma noite a glorieta de Freixeiro permaneceu iluminada de cor morado, o representativo da fibromilaxia, e tamén se difundiu a pancarta conmemorativa desta data, que se colocará uns días no Concello e coa que sacaron unha imaxe integrantes da corporación local coa alcaldesa, Marián Ferreiro, á fronte.

A maiores, dende o Consistorio e Affinor impulsouse unha iniciativa para editar un vídeo con imaxes nas que se difundisen mensaxes de apoio ás persoas que sofren esa doenza. “Apoio á investigación”, “A miña dor non se ve pero existe”, “Por unha diagnose precoz”, “A fibromialxia precisa máis visibilidade”, “Coidarse é saúde”… e na que participaron tamén representantes da corporación local, veciñanza da cidade e integrantes de Affinor e outras asociacións. Dende o Concello agradeceuse a implicación de todas as persoas que se sumaron a esta iniciativa e avanzouse que o vídeo se poderá ver hoxe no Facebook do Concello de Narón.

Na web do Consistorio tamén se respalda ao colectivo cun espazo propio para dar visibilidade ao colectivo e con material descargable para todas aquelas persoas que queiran sumarse aos actos do Día Internacional da Fibromialxia e a fatiga crónica.