Friday 22 de November de 2024

Neda recupera os seus Maios este venres en Albarón


A xornada comezará a partir das 10 h coas creacións do alumnado dos coles do municipio, e pola tarde sumarase a veciñanza

Neda celebrará este venres os Maios, recuperando así unha tradición fortemente arraigada no municipio e freada nestes dous últimos anos pola pandemia. O obxectivo do Concello é festexar “Estes maios entre tod@s”, e por iso a xornada comezará en Albarón xa ás 10 h coa participación dos coles do municipio. O alumnado do CEIP de Maciñeira e do CEIP de San Isidro sairá das clases para elaborar durante toda a mañá os seus maios, e a partir das 16:30 h, sumarase a veciñanza. O grupo de música tradicional Berros do Castro amenizará pola tarde a xornada.

A programación de actividades completarase coas actuacións de Pablo Díaz, que traerá a Neda o seu espectáculo de música en familia “Tic, Tac, Toc”, a partir das 18:30 h, e da CorRal Polifónica de Aturuxo de Melpómene unha hora despois.

Así mesmo, dende o Concello lémbrase que para a construción dos maios porá a disposición da veciñanza verde, flores e froita -sendo benvidas tamén as aportacións particulares-.