Dentro da ampla programación do Concello de Oleiros con motivo do Día das Letras Galegas, precisamente o martes 17 de maio vai representarse no Auditorio Gabriel García Márquez de Mera -20:00 horas- a obra de teatro A parábola do angazo, da compañía Talía Teatro. Toño Casais e Artur Trillo forman o elenco desta obra dirixida por Diego Rey.
A parábola do angazo é unha obra de teatro que quere sacar a lingua a pacer. No mundo hai linguas de todo tipo e tamaño. Unhas máis falangueiras, outras máis longas, algunhas tan enormes que enchen a boca, outras tan morniñas que non dan dito nada, e algunhas tan afiadas que mesmo parece que aguilloan ao falar. E entre todas elas está a nosa, a galega.
A entrada é gratuíta con invitación, que se entregará desde unha hora antes do espectáculo, ata completar a capacidade da sala.