A actividade celebrarase o domingo 22 de maio na Casa da Cultura, con participación gratuíta pero inscrición previa no 981 39 02 33
O Concello de Neda conmemorará o Día das Letras Galegas cunha actividade pensada para nenos e maiores: un contacontos ilustrado baseado na biografía de Florencio Delgado Gurriarán con taller de caricatura incluído. Celebrarase o domingo 22 de maio ás 12 horas na Casa da Cultura, e a participación é gratuíta, pero con inscrición previa. Está xa aberta e pode solicitarse a praza chamando ao 981 39 02 33 ou presencialmente no propio centro cultural.
O contacontos e obradoiro estará guiado pola compañía Polo Correo do Vento,especializado en actividades pensadas para o público máis novo coas que promover a lectura, a comprensión oral en galego e o desenvolvemento da creatividade e expresión artística dos nenos e nenas.
A través da actividade, narrarán a historia da obra e vida do autor e, ao mesmo tempo, daranlle forma nun gran mural. Ao seu remate, o público poderá participar nun taller no que realizarán unha caricatura do poeta.
A actividade inclúese no programa Ler conta Moito da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.