Saturday 16 de November de 2024

A familia de María Casares doa ao Concello 282 obxectos da actriz e de Casares Quiroga, que serán expostos na casa museo


Os seus parentes entregaron persoalmente á alcaldesa o material, que inclúe libros, fotografías ou programas teatrais

O Concello da Coruña recibiu este mércores centos de obxectos pertencentes a María Casares. A familia da actriz decidiu doar á cidade unha importante cantidade de artigos, que conteñen desde libros a fotografías, con motivo do Ano Internacional María Casares.

A alcaldesa Inés Rey recibiu hoxe a Michel Casares, descendente de María Casares, e á súa muller Danielle Chantal Casares, no palacio de María Pita para formalizar a entrega ao Concello destes 282 documentos de valor histórica. Moitos deles pertencían a Santiago Casares Quiroga, que os levou consigo a Francia cando marchou exiliado en 1936. Tamén participaron no acto a comisaria do Ano Internacional María Casares, María Lopo, e a directora de Cultura da Coruña, Bettina Kohlaas.

No acto, a alcaldesa fixo entrega aos familiares de María Casares dun agasallo institucional por parte do Concello e destacou a importancia que ten para A Coruña e o seu sector cultural a recuperación destes arquivos. “Esta doazón é un feito de grande importancia para a nosa cidade, na que intentamos expandir a figura de María Casares, unha coruñesa que triunfou máis alá das nosas fronteiras e á que dedicamos este ano 2022”, sinalou Inés Rey.

A colección doada é moi variada e de grande importancia para a Casa Museo Casares Quiroga, que pasará a ter materiais orixinais da familia á que da nome. Entre os documentos entregados ao Concello hai libros recuperados da biblioteca persoal de Santiago Casares Quiroga, fotografías da familia durante diferentes etapas, revistas con noticias sobre María Casares, entradas e programas teatrais, cartas, manuscritos ou diferentes publicacións sobre a República. Algún estarán presentes tamén na exposición
‘María Casares, actriz océano. Itinerario vital dunha exiliada’, que será inaugurada pola alcaldesa este xoves no Quiosco Alfonso.

A Casa Museo Casares Quiroga exporá estes documentos en canto sexan catalogados polos servizos municipais. A entrada a estas instalacións é gratuíta, o que facilitará que este material sexa coñecido pola cidadanía a través do seu visionado libre ou en visitas guiadas.

Ano Internacional María Casares
O Ano Internacional Maria Casares xorde coa intención de identificar á actriz coa súa cidade natal, mais tamén co obxectivo de recuperar a memoria do exilio coruñés, situar A Coruña en Francia a través da súa figura, visibilizala como a muller independente que foi e amosar a cultura como un ben común. María Casares, nada na cidade en 1922, marchou da Coruña a Madrid con só oito anos, para despois exiliarse en Francia, onde chega a ser a gran dama do teatro francés do século XX. Foi unha referencia das vangardas artísticas e un exemplo de compromiso ético, político e social.

Entre os actos que se celebran destacan a creación dunha biografía en banda deseñada, unha exposición no Quiosco Alfonso que se inaugura este xoves 12 de maio, unha ruta urbana, visitas teatralizadas no Teatro Colón, un documental e un encontro internacional.

Toda a información poderá consultarse a través da páxina web coruna.gal/mariacasares.