Integrantes do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento (Speis) de Narón impartiron a pasada semana unha charla sobre autoprotección e seguridade na Fundación Terra de Trasancos, na parroquia do Val. A citada fundación organizou a convocatoria, que contou tamén coa participación da Policía Nacional. O concelleiro de Seguridade Cidadá e Speis, Román Romero, valorou o feito de que “poidamos retomar dende o Consistorio este tipo de actividades, que xa realizamos antes da pandemia en centros cívicos sociais da cidade, centros de maiores… para ofrecer á veciñanza unhas pautas básicas que lles sexan de utilidade no seu día a día”.
Na charla celebrada no Val abordáronse temas como normas básicas de protección relacionadas cos roubos en domicilios, estafas… a cargo da Policía Nacional, e tamén sobre como reaccionar ante unha emerxencia na vivenda –tanto sanitaria, como por exemplo atragantamentos, como no caso de producirse un conato de incendio ou un pequeno incendio-.
Romero avanzou que “na medida do posible, continuaremos apostando por impulsar este tipo de iniciativas de interese social na cidade, ao igual que vimos facendo nos últimos anos”.