A alcaldesa recordou que o Concello de Coruña foi pioneiro na implantación de medidas para o calmado do tráfico: “Os datos sobre as melloras na mobilidade na cidade son moi positivos”
A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe a oferta pública de emprego para este ano, con 70 prazas de acceso libre, 20 delas para reforzar os efectivos da Policía Local
A alcaldesa, Inés Rey, valorou hoxe os avances en mobilidade experimentados na cidade un ano despois da entrada en vigor do límite de 30 quilómetros por hora para as vías urbanas, normativa coa que A Coruña foi un paso por diante, sendo pioneira na aplicación da medida, antes da entrada en vigor da nova normativa estatal.
“Con esta medida, o obxectivo do Goberno municipal era, e é, incrementar a importancia dos peóns na cidade, reducir a siniestralidade, reducir a contaminación e dotar aos barrios de espazos humanizados, con maior calidade urbana”, sinalou a rexedora.
Neste sentido, Inés Rey detallou polo miúdo as variacións experimentadas en materia de mobilidade, entre outubro de 2019 e abril deste ano, en rúas como Juan Flórez, onde a media de velocidade baixou un 13,6 % e pasou de circularse, neste período, de 24,54 a 21,18 quilómetros por ahora. En Juan Flórez, ademais, a intensidade media diaria pasou de 14.761 a 12.061 vehículos.
Na rolda de Outeiro (cun carril limitado a 30), a velocidade baixou un 4,10 %, estando actualmente nunha media de 22,66 quilómetros por hora. Ademais, na avenida do Porto, neste caso cun límite de 50, tamén se constata un descenso de velocidade (28,56 quilómetros por hora fronte a 31,56 o ano pasado) e da intensidade media diaria de vehículos baixou un 2,71 % (26.534 no 2019 e 22.289 no 2022), e a velocidade un 9,50 %.
“Os datos sobre as melloras de mobilidade nas vías co límite a 30 e 50 son moi positivos, e anímannos a seguir comprometidos co traballo para poñer en marcha medidas que calmen o tráfico e melloren a calidade de vida na cidade, contribuíndo á reducción da contaminación”, apuntou a alcaldesa.
A oferta pública de emprego para 2022, con 70 prazas de acceso libre
Noutra orde de asuntos, o Concello da Coruña aprobou este mércores, en sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local, a oferta pública de emprego para este ano, que inclúe 70 prazas de acceso libre. A alcaldesa puxo en valor, ademais, “que estas prazas veñen a sumarse ás 89 de libre acceso para diferentes postos da Administración local que acabamos de aprobar na maior convocatoria de emprego público de libre acceso feita nun só ano na historia da Administración local”.
Inés Rey apuntou ao “compromiso do Goberno municipal para dar prioridade ás areas que prestan servizos esenciais”. Neste sentido, a meirande parte de prazas convocadas na oferta pública aprobada hoxe, 20, son para reforzar os efectivos da Policía Local. “En total, desde o comezo do meu mandato temos ofertado máis de 150 prazas libres de emprego público”, concretou.
A oferta aprobada hoxe, ademais, abrangue outras 33 prazas de promoción interna, “o que amosa que seguimos traballando pola estabilización do emprego do persoal do Concello”.
Operación de préstamo para investimentos na cidade
Por outra banda, a Xunta de Goberno Local autorizou hoxe a operación de préstamo a longo prazo solicitado para afrontar importantes investimentos, prevista no Orzamento 2022.
O importe do préstamo é de 21 millóns de euros. Inés Rey sinalou que “con esta operación, a débeda do Concello queda moi debaixo do límite do 75 % previsto na normativa”, ao tempo que destacou que servirá para impulsar grandes proxectos e contribuír con eles á mellora da cidade e á súa dinamización económica.
A XGL aprobou a concesión dunha licenza urbanística no polígono de Agrela por valor de 10,5 millóns de euros
Ademais, no referente á materia urbanística, a alcaldesa informou de que “dende o pasado 22 de abril ata o 5 de maio, o Goberno municipal concedeu 21 licencias urbanísticas, fundamentalmente de rehabilitación”. A este respecto, a Xunta de Goberno Local aprobou hoxe a concesión da licenza para a construción dun edificio destinado a oficinas e aparcamentos na parcela 3 da rúa Severo Ochoa, no polígono de Agrela, e no que se investirán 10,5 millóns de euros. O prazo de execución das obras, toda vez que se inicien, será de 21 meses.
O futuro do campo de fútbol de Eirís
Por último, a Xunta de Goberno Local aprobou a desestimación íntegra do recurso da empresa concesionaria sobre a imposición de penalidades por incumprimento do contrato de obras do proxecto de execución do campo de fútbol de herba artificial de Eirís, así como os vestiarios e o peche perimetral do recinto. “A resolución do contrato coa empresa permite que iniciemos de novo o procedemento de licitación da obra para dotar canto antes ao barrio dun campo de fútbol en condicións”, determinou a alcaldesa.