Friday 22 de November de 2024

Continúan na Pobra as actividades ao abeiro do Maio das Letras


Enmarcadas na programación do Maio das Letras posta en marcha por parte da Concellaría da Cultura da Pobra do Caramiñal, da cal é titular a edil Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), nesta fin de semana e comezos da próxima terán lugar varias actividades estritamente vencelladas ás Letras Galegas que homenaxean Florencio Delgado Gurriarán neste 2022.

No día 14 emprenderase a xincana infantil Na busca das letras, para a cal se recollerá o material no Cantón da Leña, das 17.30 horas en diante. Percorreranse distintas rúas e prazas da vila buscando información sobre persoeiros das letras galegas que levarán a descubri-lo código que abre o cofre máxico e contén agasallos para tódalas persoas participantes.

A Asociación de Amas de Casa ofrecerá no día 15 o festival de baile e música tradicional Agrupación Caramiñas e as Letras. Será ás 19.30 horas, no teatro cine Elma.

E o Cantón da Leña acollerá no día 16, ás 18.00 horas, a Primavera das Letras da Real Academia Galega, que consistirá no obradoiro Coloreando con Florencio e no contacontos Son o poeta que cruzou o océano, con texto de Ledicia Costa e ilustración de Blanca Millán.

A entrada para todas elas é libre ata completa-la cabida.