O Bloque Nacionalista Galego volve rexistrar, unha vez máis, unha iniciativa para demandar maior mantemento, seguridade, limpeza ou investimentos nos portos. Ao longo dos últimos anos foron diversas as iniciativas presentadas polo Bloque para demandarlle a Portos de Galiza actuacións nos peiraos do municipio. A última actuación solicitada polos nacionalistas foi o cambio da madeira que hai na lonxa de Ribeira actuación que se levou a cabo no último trimestre de 2021.
“Calquera persoa que dea unha volta polas instalacións e terreos portuarios do municipio sexa por Corrubedo, Castiñeiras, Palmeira, Aguiño ou Ribeira, atopará farois apagados, escaleiras de acceso ás embarcacións rotas, varandas de protección completamente enferruxadas ou unha cantidade considerábel de lixo que moitas veces acaba no mar” asegura o portavoz do BNG, Luís Pérez Barral.
“Xa o dixemos máis dunha vez, Portos debe manter en boas condicións as instalacións portuarias tanto por ser unha zona de traballo para os mariñeiros como por ser zonas de uso público para a veciñanza”. Segundo Pérez Barral “ser titular de terreos non só debe servir para ter os beneficios que lle reporta o cobro das taxas á hostalaría polas terrazas ou os beneficios por permitir a realización de actividades que se desenvolven nos seus terreos, por poñermos uns exemplos, senón que tamén debe selo para cumprir coas súas obrigas de mantelos en bo estado de mantemento e nunhas condicións axeitadas”.
A formación nacionalista critica o desleixo de Portos, sumado á conivencia do goberno local que mira para outro lado, provoca que o abandono do porto ribeirense vaia en aumento. Desde o BNG lembran que o Concello de Ribeira xa custea a limpeza e a iluminación dalgunhas zonas de titularidade portuaria por ser de interese xeral para a veciñanza do municipio, mais considera que o goberno debe esixirlle a Portos de Galiza que, de querer conservar a titularidade desas zona debe mantelas en condicións. No caso contrario, debería cederllas ao Concello de Ribeira para que sexa esta institución a que teña a titularidade para poder mantelas nunhas condicións óptimas.
Pérez Barral cre que “o señor Ruiz debería facerse menos fotos propagandísticas coa presidenta de Portos e coa conselleira do Mar e aproveitar as súas visitas a Ribeira para esixir máis mantemento das instalacións e terreos portuarios, maior seguridade para as embarcacións e a desafección dos terreos que non teñen uso portuario no canto de permanecer inmóbil ante a falta de investimentos”.
Ante esta situación, o BNG rexistrou unha nova iniciativa no Concello de Ribeira para instar a Portos de Galiza a manter en boas condicións as instalacións das que é titular e axilizar a execución das demandas que se fan desde o sector pesqueiro.