· O obxectivo da mostra é contribuír a reducir a brecha de xénero dentro do sector.
· O decano do Colexio, Macario Yebra Lemos, sinalou que “as mulleres poden facer o mesmo traballo que os homes, polo que é fundamental que teñan tamén as mesmas oportunidades”.
A exposición Mujeres Enxeñeiras de Éxito da UAITIE aterrou, hai uns días, en Galicia, cunha primeira parada na delegación de Coeticor de Santiago. Da man do Colexio, a mostra aterrou, esta mañá, na Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Ferrol co obxectivo de visibilizar o papel dunha vintena de enxeñeiras referentes dentro do sector, achegando así o seu labor e traxectoria aos estudantes que cursan alí os seus estudos.
O acto contou coa presenza do decano de Coeticor, Macario Yebra Lemos, do presidente da delegación de Ferrol, Félix Ledo, da vicerreitora do Campus e Responsabilidade Social, María Jesús Movilla Fernández, do director da Escola Politécnica Superior, Andrés José Piñón Pazos, e da concelleira de Servizos, Obras, Medio Ambiente, Zona Rural e Participación Cidadá de Ferrol, Ana Lamas.
Durante a súa intervención, Yebra Lemos apuntou que o obxectivo desta actividade non é outro que contribuír a reducir a brecha de xénero dentro desta actividade profesional. O decano explicou que “as mulleres poden facer o mesmo traballo que os homes, polo que é fundamental que teñan tamén as mesmas oportunidades”.
Mujeres Enxeñeiras de Éxito xorde do compromiso da UAITIE (Unión de Asociacións de Enxeñeiros Técnicos Industriais e Graduados en Enxeñería da rama industrial de España) e Coeticor por inspirar ás nenas, novas e mulleres para que poidan desenvolver o seu talento ata converterse en exemplos dentro da profesión.
A mostra, que poderá visitarse ao longo desta semana, está conformada por unha vintena de paneis: cinco das denominadas como Pioneiras e 14 das contemporáneas.
Dubra Rodríguez López, última incorporación da exposición
Dubra Rodríguez López (A Coruña, 1973), enxeñeira técnica industrial e colexiada de Coeticor, forma xa parte da exposición da UAITIE. Actualmente, é Health and safety processes design expert de Quirón Prevención para Siemens Gamesa. Con todo, os inicios da súa traxectoria profesional comezaron, precisamente, na Universidade da Coruña (Campus de Ferrol), onde obtivo a titulación oficial.
Entre as súas funcións atópanse a identificación e mitigación dos riscos residuais en materia de seguridade e saúde durante a fase de construción dun muíño de vento; a documentación e o seguimento de calquera risco; o traballo coordinado co equipo de deseñadores para eliminar os riscos atopados e a avaliación de riscos das distintas tarefas de construción en campo. Máis aló do traballo de campo, que realiza nos propios muíños de vento, a maior parte da súa xornada transcorre na oficina, onde ten que coñecer unha gran cantidade de normas nacionais e internacionais para desenvolver o seu labor.