Friday 22 de November de 2024

O novo servizo de recollida de residuos e limpeza viaria comenzará a finais de maio


A concelleira de Medio Ambiente, Mila Castro, acompañada por Rocío Montañés, directora de Área de Benestar Medioambiental e Servizos Básicos, deu conta hoxe en rolda de prensa do estado da renovación dos servizos de recollida de lixo e limpeza na cidade, que asumirá novamente a empresa URBASER S.A. a partir do 21 de maio. Entre as novidades, destacan a substitución de illas soterradas, colectores e papeleiras, a implantación dun servizo de limpeza urxente 24 horas ou a ampliación a máis áreas da cidade dos baldeos e do varrido diario.

Durante a rolda de prensa, a concelleira informou sobre a reunión que mantivo esta semana co delegado da empresa URBASER, na que foi informada sobre o retraso nas entregas dos vehículos encargados, debido á situación xeral do abastecemento no mercado. A pesar disto, Mila Castro confirmou que “o novo servizo iniciarase a finais de maio, empregando vehículos procedentes da anterior contrata que se reforzarán con dous camións máis que a empresa aportará temporalmente”. Nos próximos meses, irase incorporando a nova maquinaria, cuxo atraso vén producido “pola falta de compoñentes e a escasez e carestía das materias primas, así como polas demoras acumuladas nas liñas de producción”.

Así, a concelleira de Medio Ambiente confirmou que “a acta de inicio do servizo de URBASER contemplará o 21 de maio como data de arranque”, e que “a empresa deberá xustificar axeitadamente toda demora eventual na incorporación dos medios do servizo”. Neste sentido, “na reunión desta semana, os representantes da empresa avanzaron que están recibindo as comunicacións dos distintos proveedores nas que se acreditan oficialmente as razóns das demoras e se efectúa unha previsión de datas de entrega”, aclarou a edil.

En novembro de 2021, a mesa de contratación rematou a valoración das ofertas presentadas á licitación deste servizo, resultando á empresa URBASER S.A. a que obtivo a mellor puntuación.

Unha vez formalizado o contrato, o 21 de febreiro deste ano, URBASER procedeu a solicitar os orzamentos da maquinaria comprometida na súa oferta e realizou os pedidos en firme. A partir desta data, establécese un prazo máximo de 3 meses para formalizar a acta de inicio. Este período de tempo está previsto para posibilitar á empresa a organización dos medios materiais e personais cos que realizará a nova actividade.

Cambios no servizo
Entre as novidades que presentará o novo servizo destacan a implantación do plan de baldeos de Barrios con lava-beirarrúas, a ampliación de varrido seis días por semana a novas zonas como as avenidas da Liberdade, Ferrol, Barcelona, Restollal, Hospital Clínico, entre outras, e reforzo do Camiño de Santiago, ou a implantación do servizo de limpeza urxente SELURSA 24 horas.

Prevese tamén a substitución dos colectores existentes de carga lateral polos novos, de maior capacidade e cunha fracción para a materia orgánica, cuxa instalación estímase estea finalizada en outono.

Ademais tamén se substituirán as papeleiras e as primeiras 25 illas soterradas do total de 100 que se reemplazarán nos próximos 4 anos, así como a instalación de novas illas para a compostaxe comunitaria; e levarase a cabo un cambio progresivo nos camións de carga traseira a carga lateral, tanto en rutas diurnas como nocturnas. A finais de verán, porase a disposición dos veciños unha serie de illas de quita e pon en 10 puntos do casco histórico.

Tamén se prevé a posta en marcha dos dous cuartelillos novos para os traballadores, nas rúas de García Prieto e de Arzúa.

Co obxectivo de dar a coñecer estas novidades no servizo, o Concello levará a cabo este mes unha campaña de información e sensibilización dirixida tanto aos veciños como aos grandes produtores de residuos.