O estudoso e experto na obra de Xaquín Marín, Félix Caballero Wangüemert, achegarase este xoves a Fene para manter un encontro co humorista gráfico e pintor e conversar con él sobre a súa traxectoria artística. O acto terá lugar no salón de actos do Museo do Humor e comezará ás 19.30 horas, con entrada libre até completar o aforo. Previamente, o mesmo xoves ás 18.00 horas, está prevista unha visita guiada á exposición “Volta á orixe”, conducida polo comisario da mostra e fillo do artista, Alexandre Marín. Para asistir, únicamente haberá que presentarse na entrada do museo con quince minutos de antelación ao comezo da visita (ás 17.45 horas).
Ámbalas dúas actividades están organizadas pola Concellería de Cultura de Fene, no marco da programación complementaria á exposición “Volta á orixe”, de Xaquín Marín, que se amosa no Museo do Humor até o vindeiro 27 de xuño.
Félix Caballero Wangüemert (Logroño, 1967) é un xornalista afincado en Galicia, con máis de trinta anos de traxectoria. Licenciado en CC da Información pola Universidade de Navarra e Máster en Investigación en Comunicación pola Universidade de Vigo, traballou en El Correo Gallego, Riadevigo.com e o grupo España Exterior, onde foi redactor xefe de Latinoamérica Exterior. Publicou dous libros de pensamentos humorísticos: Pienso, luego embisto (2000) e Solo sé que no sé nadar (2002). Ademáis é autor do libro de entrevistas O humor en cadriños.
Conversas con Siro, Xaquín Marín, Xosé Lois, Gogue e Pepe Carreiro (Morgante, 2012), O humor galego alén da retranca (Morgante, 2012) e Xaquín Marín: arte e compromiso no humor gráfico galego, publicación que é froito da tese doutoral que Caballero desenvolveu sobre o humorista e que defendeu na Universidade de Vigo o 23 de outubro de 2015.
Logo desta primeira “Conversa con… Xaquín Marín” e coincidindo co peche da mostra, o luns 27 de xuño haberá un segundo encontro co artista e será tamén no Museo ás 19.30 horas.
Neste caso conversarán con Marín o pintor e escritor Antón Patiño e o deseñador e ilustrador Pepe Barro. O acto estará conducido por Neves Rodríguez. E, neste caso, a entrada tamén será libre até completar o aforo