Friday 22 de November de 2024

O BNG reclama dotar á Barbanza dunha ambulancia medicalizada


Os recursos sanitarios existentes na comarca da Barbanza non permiten a atención de patoloxías graves nin, en moitos casos, prestar asistencia médica in situ a doentes de extrema gravidade, nin asistilos con persoal facultativo e de enfermería durante os traslados a un centro hospitalario, ao non contar con ambulancia de soporte vital avanzado nin ter UCI o Hospital da Barbanza.

Na atención das patoloxías de gravidade, o tempo é un factor esencial, polo cal non é entendíbel que esta comarca, cunha importante actividade económica con potencial risco, como é o traballo no mar e unha importante actividade industrial, non teña un hospital con UCI e non conte con ningunha ambulancia de soporte vital avanzado, é dicir, dotada cun equipo humano especializado, con persoal facultativo e de enfermería e coa dotación de equipos necesarios para atender emerxencias de gravidade.

Foron estes, entre outros, os motivos que no ano 2019 levaron a máis de 4.500 persoas e a diversos colectivos e entidades da comarca a asinar unha petición para conseguir que o hospital comarcal conte cunha ambulancia medicalizada do 061.

Sobran as razóns que xustifican a necesidade dunha ambulancia de soporte vital avanzado para a comarca da Barbanza e por iso o BNG, que considera imprescindíbel esta dotación para non seguir a poñer en risco a saúde e a vida dos veciños e veciñas da zona, vén demandándoa mediante emendas presentadas aos orzamentos da Xunta nos últimos anos, ou solicitando a súa inclusión nos concursos para a adxudicación do servizo de transporte sanitario urxente terrestre realizados por parte da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galiza-061, dependente do SERGAS, demandas que ata o de agora non foron tidas en consideración.

Por todo o exposto, o Grupo Parlamentar do BNG presenta a seguinte proposición non de lei para debate en Pleno:

“O Parlamento de Galiza insta o goberno galego a que leve a cabo as actuacións necesarias para dotar á comarca da Barbanza dun servizo permanente de ambulancia de soporte vital avanzado, é dicir, dotada permanentemente cun equipo humano composto por persoal facultativo e de enfermería, especializado na atención sanitaria en situacións de emerxencia e dous técnicos en transporte sanitario urxente.”