Friday 22 de November de 2024

Santiago e Braga estreitan lazos cun irmandamento


O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e o presidente da Câmara Municipal de Braga, Ricardo Rio, asinaron esta mañá un convenio de irmandamento entre as dúas cidades co fin de fortalecer as relacións económicas, turísticas e culturais. No mesmo acto, os dous mandatarios realizaron unha declaración de cooperación entre Braga e Santiago, atendendo ás afinidades que as unen.

O Pazo de Raxoi acolleu esta mañá a ceremonia na que o alcalde compostelán, Xosé Sánchez Bugallo e o seu homólogo bracarense, Ricardo Rio, formalizaron un convenio de irmandamento entre Santiago e Braga. O acto contou coa presenza de Sameiro Araújo, vicepresidente da Câmara; os vereadores Olga Pereira, Barbara Barros, Artur Feio e Silvia Sousa, así como representantes da Igrexa, da Universidade e do mundo empresarial da vila portuguesa. Por parte da corporación municipal compostelá, acudiron todos os membros do Grupo de Goberno así como un nutrido número de representantes do resto dos grupos municipais. Tamén estiveron presentes no acto, o arcebispo de Santiago, Julián Barrio; o reitor da USC, Antón López; a alcaldesa de Lugo e presidenta do Eixo Atlántico, Lara Méndez; así como o secretario xeral deste organismo, Xoán Vázquez Mao.

Na súa intervención, Xosé Sánchez Bugallo salientou que Santiago e Braga son “cidades históricas, referentes para toda a humanidade, cidades patrimoniais e universitarias, que teñen historias paralelas que configuran o seu senso no pasado e na actualidade”. Por iso, o rexedor compostelán defendeu a necesidade de “referendar unha relación estreita e frutífera de colaboración en moitos campos que nos une dende hai tempo, e que ten unha das súas manifestacións máis evidentes no Camiño de Santiago”.

Na mesma liña, o presidente da Cámara Municipal de Braga, Ricardo Rio, recordou que “Europa se construíu a través da peregrinación a Santiago” e destacou que “coincidindo coa celebración do día de Europa”, esta “necesita máis que nunca da forza das cidades e das comunidades para facer crear unha sociedade máis xusta e máis próspera”.

O rexedor luso engadiu que aínda que as dúas cidades “levan colaborando para o desenvolvemento do territorio desde hai moitos anos en múltiples dominios”, algún dos obxectivos principais para o futuro son os de “posicionar a eurorrexión como un destino de investimento internacional” e continuar a cooperar no ámbito cultural “como xa se fixo no 2020 cando Braga se converteu en Capital de Cultura do Eixo Atlántico”.

Ademais, ambas autoridades manifestaron a súa vontade común en convertir a cooperación turística nun dos eixes fundamentais do acordo, especialmente para traballar de forma conxunta na promoción e impulso do Camiño Portugués. Así, no marco da visita, durante a fin de semana, membros de ambas corporacións municipais percorreron o último tramo do Camiño desde o Monte do Gozo ata a praza do Obradoiro.

Aposta pola biotecnoloxía

Ademáis, Xosé Sánchez Bugallo quixo salientar a aposta común pola novas tecnoloxías, “no caso de Braga máis centrado nas TICS, e no de Santiago, na biotecnoloxía, con máis de 1000 investigadores traballando neste ámbito, con vistas a desenvolver nun futuro próximo un tecido industrial e productivo a través do Biopolo da Sionlla”. Nesta liña, “o obxectivo común é potenciar o hub de innovación entre os dous concellos nas ciencias da saúde, a biotecnoloxía e a nanotecnoloxía, como eixes de captación de investimento a nivel internacional”, engadiu.

Cooperación cultural e académica

No seu discurso, o alcalde tamén destacou a vontade conxunta de “aproveitar sinerxias e facilitar os intercambios nos diversos campos da cultura entre ambas cidades”. Un traballo conxunto, que se extende ás dúas universidades: tanto á USC como á Universidade do Minho con estreitos lazos de colaboración en moitas materias.

Ademais, o Sánchez Bugallo mencionou a existencia doutros retos compartidos por ambas cidades, como a preservación do patrimonio, a mobilidade ou o desenvolvemento do turismo “nos que existe un extraordinario campo de traballo por desenvolver”.

Encontro de empresarios

No marco desta visita tamén se celebrou ás 12:00h no comedor monumental do Hotel Monumento San Francisco, unha xuntanza entre representantes do sector empresarial de ambas cidades, á que tamén acudiron Antonio López Díaz, reitor da Universidade de Santiago de Compostela; Rui Vieira de Castro, reitor da Universidade de Minho; e João Duque, presidente do Centro Regional de Braga, da Universidade Católica Portuguesa.