A glorieta de Freixeiro permanecerá iluminada a noite de mañá de cor violeta con motivo do Día Mundial do Lupus. O Concello súmase así á proposta da Asociación Galega de Lupus (AGAL) para sensibilizar á poboación sobre esta doenza e conmemorar simbolicamente esta data.
AGAL é unha entidade sen ánimo de lucro formada por persoas con lupus e as súas familias, ás que ofrece apoio moral, psicolóxico, físico e educativo, ademais de apostar por promover a inserción social das persoas afectadas por esta doenza. Dende a entidade subliñan a importancia de dar a coñecer a enfermidade para contribuír a un diagnóstico precoz e evitar os seus efectos colaterais.