Saturday 16 de November de 2024

O Ciclo de Conferencias sobre María Casares organizado pola Xunta continúa en maio cos directores teatrais Jorge Lavelli e Josep María Flotats


— Trátase de dúas figuras que mantiveron unha estreita relación coa actriz, tanto no eido profesional como persoal

— O Museo de Belas Artes da Coruña acolle a nova sesión o mércores 11 ás 19,30 horas, con entrada de balde

— A iniciativa chega así á metade das seis xornadas de intervencións, programadas no marco da conmemoración do centenario da artista

O ciclo de conferencias María Casares. Do exilio ao escenario organizado pola Xunta co gallo do centenario da actriz continúa en maio coas intervencións do director de teatro e de ópera Jorge Lavelli e do actor e director Josep María Flotats. Ambos mantiveron unha estreita relación con María Casares, tanto no eido profesional como persoal, da que darán testemuño en primeira persoa. O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presentará as intervencións o vindeiro mércores 11 no Museo de Belas Artes a partir das 19,30 horas, con entrada de balde.

Natural de Bos Aires, Jorge Lavelli chegou a París en 1960 e destacou axiña pola posta en escena de espectáculos experimentais e de investigación. En 1964 dirixiu por primeira vez a María Casares en Divinas palabras de Valle-Inclán en Bos Aires e converteuse no director fetiche da actriz. Consolidado como un dos máis importantes directores teatrais de Francia, tamén deixou pegada noutros países europeos e latinoamericanos. Un dos fitos máis salientables da súa prolífica traxectoria é a fundación do novo Théâtre National de la Colline en 1987, que dirixiu ata 1996 e que dedicou á dramaturxia e á creación contemporáneas.

Na carreira de Lavelli abundan os premios e distincións, entre os que destacan os concedidos por Francia, como Cabaleiro e Oficial da Orde Nacional do Mérito, Comendador da Orde das Artes e das Letras, Cabaleiro da Lexión de Honra e o Gran Premio das Artes da Escena da Cidade de París polo conxunto da súa obra. A conferencia que ofrecerá o mércores na Coruña leva por título María extraordinaria, excepcional, inesquecible, artista e amiga entrañable.

Pola súa banda, Josep María Flotats ofrecerá o relatorio María Casares: vontade e forza. Formado na Escola Superior de Arte Dramática de Estrasburgo, residiu en París onde desenvolveu un intenso labor teatral e ingresou na Comédie Française, da que é societaire desde 1982. Tras o seu regreso a Barcelona fundou a Companyia Flotats e o Teatre Nacional de Cataluña, do que foi o primeiro director. Xa en 1998 creou unha produtora en Madrid actualmente coñecida como Taller 75.

O seu labor foi recoñecido por diversos premios, como o Gérard-Philipe, o da Crítica Francesa, o Premio Nacional de Teatro ou o Premio Nacional de Interpretación da Generalitat de Catalunya. Tamén recibiu condecoracións, como as de Cabaleiro e Oficial da Lexión de Honra, Oficial da Orde das Artes Letras, a Cruz de Sant Jordi ou a Medalla de Ouro ao Mérito ás Belas Artes.

Conferencias ao longo do ano
O ciclo María Casares. Do exilio ao escenario prolóngase ata finais de ano en seis xornadas cunha ducia de intervencións protagonizadas por personalidades relevantes do mundo das artes e da cultura que coñeceron desde a proximidade o traballo e o legado da artista homenaxeada. Tras a cita de maio, as sesións retómanse xa en setembro, con Tina Sainz e José Luís Méndez Romeu. En outubro será a quenda de María Lopo e Pedro Soler. O peche porano en novembro Borja Ortiz de Gondra e María Delgado.

A iniciativa enmárcase na programación do centenario de María Casares promovida pola Xunta, que ofrece tamén desde hai un mes, na biblioteca Miguel González Garcés, a exposición María Casares, residente privilexiada. A mostra expón 200 fondos propios do centro bibliotecario, con fotografías, filmes, documentos e publicacións, nas que destacan os volumes da colección persoal de Santiago Casares Quiroga. Permanecerá ata finais de ano para achegarlle á cidadanía un percorrido pola vida e contorna familiar da actriz.

Xunto a estas propostas, a programación prevista pola Xunta ofrecerá durante todo o ano actividades tanto en Galicia como fóra, a través de propostas dixitais, editoriais, escénicas e audiovisuais que percorrerán toda a súa pegada histórica desde diferentes plataformas e linguaxes. Xunto ao Goberno galego participan numerosas entidades e institucións de distintos territorios, como a Biblioteca Nacional de España, a Embaixada de España en Francia, o Instituto Cervantes, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Edicións Xerais, a Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG), entre outras.